Gardacostas requisa 800 kilos de peixe e marisco ilegais

Media tonelada peixe requisada Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 800 quilos de peixe e marisco e 390 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados nos últimos días. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron 4.400 metros de artes de enmalle.

A Ría de Pontevedra foi escenario de diversas actuacións dos gardacostas nas que os axentes incautaron 180 aparellos de pesca, máis de 130 quilos de diversas especies e 250 metros de artes de enmalle. O operativo máis destacado foi en Aguete e saldouse coa incautación de 172 nasas de polbo, 2 caceas, un salabardo e co comiso de 57 quilos de polbo e 35 de centola ovada.

Na ría de Arousa os gardacostas realizaron varios operativos que deron como resultado o comiso de 111 quilos de peixe e marisco e a incautación de 101 útiles de pesca e 250 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante levada a cabo na zona resultou coa incautación de 95 butróns e co comiso de preto de 32 quilos de choco.

Por outra banda, na ría de Vigo, os axentes tamén realizaron diversas operacións que se saldaron o comiso de preto de 162 quilos de diversas especies e coa incautación de 50 aparellos de pesca e de 3.750 metros de artes de enmalle. O operativo máis importante desenvolveuse nas zonas das Queimadas, praia de Samil, Pedras do Sinal e Cabo do Mar e nel os axentes comisaron preto de 29 quilos de peixe e marisco, a maioría choco. Ademais, os inspectores tamén se fixeron con 1.500 metros de artes de enmalle.

Na ría de Muros-Noia os gardacostas tamén fixeron dúas inspeccións contra a extracción ilegal. Nunha delas, levada a cabo en Broña e O Freixo, incautaron unha embarcación de porexpán que carecía de nome e 8 nasas de ferro. Noutra actuación na enseada de Bornalle e Porto do Son, comisaron 21 quilos de marisco –a maioría centola ovada- e incautáronse de 2 viveiros.

Na Costa da Morte, tamén se rexistraron varias actuacións deste servizo que se saldaron co comiso de preto de 118 quilos de especies. A máis destacada tivo lugar en Malpica e resultou co comiso de máis de 80 quilos de centola. Noutra operación desenvolvida na ría de Corcubión, os inspectores requisaron 48 cacharros de polbo e os máis de 3 quilos deste cefalópodo que había no seu interior.

Ademais, nun control realizado no porto de Cariño, en Ortigueira, os axentes de Gardacostas requisaron 150 metros de artes de enmalle.

Control na cadea da comercialización

Nun control na cadea da comercialización realizado na estrada A-8, á altura de San Cosme de Barreiros, na Mariña luguesa, axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil de Burela e de Xove requisaron 250 quilos de ourizo xa que non estaba debidamente documentado e incumpría os requisitos regulamentarios de comercialización da especie.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar