O Concello de Ourense pon en marcha o Plan de Infancia e Adolescencia

O Concello de Ourense traballa para a procura dunha cidade mellor e na que os nenos, nenas e adolescentes teñan maior protagonismo”. Con este obxectivo, e xunto ós cuestionarios de participación infantil e adulta dispoñibles para a realización da diagnose da realidade, o departamento de Asuntos Sociais quere estender o diálogo co resto da cidadanía, e convoca a asociacións, entidades e colectivos da cidade a unha xornada de traballo o vindeiro 30 de marzo no Centro Cívico da Ponte, e que servirá para completar dita diagnose e para a posta en común dos obxectivos que deben incluírse no documento do Plan de infancia e adolescencia.

O plan de infancia e adolescencia, incluído dentro dos parámetros que marca Unicef, abrangue áreas tan dispares coma o lecer, cultura e tempo libre; educación; igualdade; medio ambiente e urbanismo; saúde e actividade física; benestar social e familia; participación e cooperación. Polo tanto, o Concello fai un chamamento a colectivos e asociacións que traballen nestes ámbitos a anotarse na xornada.

Para facelo só teñen solicitar a inscrición a través do banner do plan de infancia e adolescencia na web www.ourense.gal e difundir a iniciativa entre os seus asociados e asociadas. Así mesmo, anima a recoller suxestións na conta de correo ourenseamigadainfancia@gmail.com. Infórmase que tamén están dispoñibles na páxina web municipal uns cuestionarios específicos para entidades e colectivos que traballan no ámbito da infancia e a adolescencia.

Foro aberto e plural

A xornada de traballo do vindeiro día 30 será un foro de participación aberto e plural, pensado para completar a diagnose da realidade e recoller novas propostas de actuación de todas aquelas entidades que queiran facer achegas.

Este tipo de iniciativas foron aplaudidas por Myriam Garabitto Cociña, presidenta do comité galego de Unicef, nunha reunión co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy. A intención deste plan e de todas as súas accións da administración están encamiñadas ao compromiso cos dereitos da infancia, dando oportunidades a que os/as nenos/as participen das decisións importantes e así construírmos unha cidade mellor para todos/as.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar