Pontevedra:Obras de mellora en Lourizán

Obras mellora en Lourizán_concello de Pontevedra

O Concello investirá arredor de medio millón de euros en obras de acondicionamento, de mellora da accesibilidade e seguranza viaria e de dotación de servizos en Lourizán. Os proxectos foron presentados polo concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, na última reunión do Consello parroquial onde teñen voz os distintos colectivos veciñais e sociais da zona.

Entre as actuacións comprometidas figuran obras de seguridade viaria e acondicionamento na contorna do colexio dos Praceres, que inclúen a instalación de nova iluminación, medidas de calmado de tráfico e a reforma de rúa diante dos bares da zona, así como acondicionamento da Praza dos Praceres e mellora e acondicionamento da zona da Carballeira.

Tamén está previsto o acondicionamenteo da zona de Agrovello, coa reparacion de quenllas, novo asfaltado, pintura e sinalización. Finalmente, está prevista a ampliación dos nichos do cemitario.

O concelleiro Demetrio Gómez valora as suxestións “sempre construtivas” feitas polos representantes da veciñanza no Consello parroquial de Lourizán. A este foro levou o acordo do Pleno municipal polo que o Concello comprometeuse a buscar terreos axeitados para a construción dun novo campo de fútbol que substitúa ao derrubado, por imperativo xudicial, de Praceres.

O Concello ten previsto construír neste mandato unha rede municipal de campos de fútbol de herba sintética no que podería ter cabida esta instalación deportiva. Demetrio Gómez deixou enriba da mesa a necesidade de contar coa colaboración dos veciños para atopar os terrenos e eles tomaron nota.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar