O fascismo no fútbol

Cando os Xogos Olímpicos, 2.500 anos antes da era de Adidas, a civilización grega formaba un mosaico de mil cidades, cada cal coas súas propias leis e os seus propios exércitos. Os xogos que se celebraban no estadio de Olimpia eran cerimonias relixiosas de afirmación da identidade nacional, unha amalgama que xuntaba aos dispersos e superaba as contradicións, unha maneira de dicir: “Nós somos gregos”, coma se facendo deporte recitasen os versos da Íliada ou da Odisea, os poemas da fundación nacional.

Salvando as distancias, o deporte, e o fútbol en particular, cumpre, no mundo dos nosos días, unha función semellante á daqueles Xogos Olímpicos.

Os espectáculos deportivos non son unha manifestación illada, senón que están inseridos nunha comunidade, cunha relación que varía en intensidade segundo a amplitude da masa que participa neles e a atención que lle prestan os medios de comunicación como resultante dos intereses económicos-ideolóxicos, dimanando nunha teatralización dos valores principais da sociedade en que se desenvolve.

A cruzada desatada hai algúns anos no fútbol español contra a identidade dos equipos, seareiros, barras bravas e calquera autoidentificación que se aparte da “nación española” como eles a conciben, está inserida na recentralización do Estado e na loita das nacións periféricas por emanciparse.

Cruzada á que non chegaron sequera logo do golpe de estado do 23-F coa Lei de Defensa da Constitución. Agora sobordan toda legalidade, sen que se lle poda botar a culpa unicamente a Tebas, o fascista que presida da Liga de Fútbol Profesional, pois é unha “política de Estado”.

A incautación dunha bufanda dos Celtarras e a expulsión de Balaídos a ese afeccionado acusado de “exaltación do terrorismo”, a requisitoria de bufandas da barra Nós no Santiago Bernabéu por “incitación á violencia”, a prohibición de portar bandeiras estreladas e, aínda a oficial galega, a incautación de sudadeiras por levar escrita a palabra Galiza, non son máis que manifestacións desta campaña de afirmación da nación española e da loita contra a diversidade.

Cando hai unha ducia de anos quixeron prohibir en Balaídos a bandeira estrelada, o seu xefe de seguridade negouse a cumprir a orde se non viña ditada por un xuíz, argumentando que non estaba disposto a cometer prevaricación, pois non se pode ilegalizar nun recinto público o que é legal a todos os efectos, aínda que só fose como símbolo partidario.

Agora xa non é só a policía, senón que tamén a seguranza privada dita normas ao seu antollo e interpreta o que é violencia ou exaltación do terrorismo. O que é a “súa España”.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar