Lugo comemora o Dia Internacional da Muller Xorda

Lugo_Dia Internacional da Muller Xorda

Membros da Corporación Municipal asistiron este sábado á lectura dun manifesto con motivo do Día Internacional da Muller Xorda, que tivo lugar ás 12:30 horas na Praza Maior, diante da Casa Consistorial. Trátase dun acto enmarcado dentro do do IX Encontro da Muller Xorda en Galicia, organizada pola Federación de Asociacións Xordas de Galicia coa colaboración do Concello.

O manifesto reivindicou a necesidade de que os servizos de atención ás mulleres que sofren violencia de xénero sexan accesibles e incorporen lingua de signos e subtitulado. Neste senso, lembrouse a necesidade de accións que inclúan a lingua de signos como lingua vehicular na educación. O documento tamén facía fincapé na necesidade de atención especializada nos servizos sanitarios.

“Queremos ser escoitadas, que non se actúe sin consultarnos, queremos opinar, ser protagonitas e que se facilite a nosa participación social a través de políticas activas que garantan a nosa autonomía”; reflexaba o manifesto, no que as mulleres xordas de Galicia reivindican conseguir unha vida independente e unha integración real.

Tras a lectura do manifesto, á que tamén asistiu o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quixo destacar a necesidade de seguir traballando para que todas as mulleres teñan os mesmos dereitos, independentemente das capacidades de cada unha, e acadar así unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

Antes de comezar a lectura do manifesto, medio cento de persoas, entre os que se atopaban membros da Corporación Local, realizaron unha andaina reivindicativa pola Muralla. O IX Encontro da Muller Xorda en Galicia inclúe tamén unha mesa redonda sobre o empoderamento da muller xorda e un relatorio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar