VI Congreso de Xestión Deportiva

Rosendo Fernandez_Congreso Deporte e Termalismo
O VI Congreso Galego de Xestión Deportiva 2016, organizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede), que trata un tema innovador como é poñer en relación e valor «Deporte e Termalismo», foi inaugurado no Balneario de Laias. O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente de Agaxede, Eduardo Blanco; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e un representante da Asociación de Balnearios de Galicia.

A Deputación de Ourense colabora con Agaxede na organización deste congreso con tres obxectivos claros «consolidar o termalismo deportivo como un foco de creación de emprego en Ourense e en Galicia; debater sobre as novas expectativas e ámbitos de actuación do termalismo implicado no sistema deportivo, e para dar a coñecer a importancia social, económica e a implicación do termalismo no deporte, facendo un especial fincapé no espectacular abano de posibilidades que ofrece esta interesante simbiose», asegurou Rosendo Fernández. Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense considera que «deporte e termalismo» é «un binomio fulcral para a provincia de Ourense».

O congreso desenvólvese hoxe en xornada de tarde no balneario de Laias, onde ademais terá lugar a «Asemblea Xeral da Asociación Galega de Deporte para Todos». As actividades do congreso retomaranse mañá sábado, 12 de marzo, en xornada de mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», convertendo a Ourense na capital do «termalismo deportivo».

Trala inauguración, as actividades comezan cun relatorio sobre a actividade hipopresiva nos centros termais, impartido por José Pinsach, seguido doutro sobre a xestión do turismo termal e rural para a mellora da condición física e o rendemento deportivo, a cargo de Eduardo Blanco e Dan Río. Na xornada de mañá, impartirase un relatorio sobre turismo activo e termalismo, da man de Alejandro López e outro sobre a infraestrutura deportiva nos balnearios, por Santiago González. Como remate das actividades previstas no congreso, terá lugar unha mesa redonda para falar das experiencias de termalismo deportivo na que intervirán os Balnearios de Laias, de Guitiriz (Lugo), e Taipas Termal (Guimarâes) e que será moderada por Patricio Sánchez.

Tendo en conta a temática do congreso «Deporte e Termalismo», as actividades van dirixidas a empresas de termalismo, empresas de turismo activo e turismo rural, clubes e federacións deportivas, empresas de servizos deportivos, persoal con responsabilidades directivas, profesionais de ciencias da actividade física e o deporte, fisioterapia, turismo e, en xeral, a calquera con interese no ámbito da xestión de centros termais e/ou deportivos do ámbito público ou privado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar