O Parlamento súmase á campaña «A hora do Planeta» contra o cambio climático

Parlamento de Galicia

 A Hora do Planeta

O Parlamento de Galicia vén de adherirse á campaña A Hora do Planeta, que pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e mobilizar a 7.000 cidades do mundo para demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático apagando as luces dos seus principais edificios e monumentos.

No marco desta campaña, o Parlamento de Galicia apagará todas as luces o vindeiro 19 de marzo entre as 20:30 e as 21:30 horas.

A Hora do Planeta é unha campaña de WWF xurdida en Sidney (Australia) en 2007 como un xesto simbólico de loita contra o cambio climático. Tense convertido na maior campaña de mobilización ambiental da historia, segundo os seus promotores.

Máis aló de xestos como a adhesión a esta campaña, o Parlamento de Galicia dispón, desde hai anos, da súa propia estratexia de aforro enerxético e minimización da xeración de residuos.

Nos últimos meses, o Parlamento de Galicia está a executar a primeira fase da substitución paulatina da iluminación do edificio por luminarias con tecnoloxía led, que proporciona aforros enerxéticos superiores ao 50 % respecto ao equipamento anterior. A Cámara tamén ten prevista a substitución do equipo de climatización do Hemiciclo por outro máis eficiente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar