A Cámara de Comercio de Santiago fomentará a creación de emprego

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela dispón de 65.400 euros en 2016 para subvencións destinadas a fomentar a creación de emprego a través de axudas directas ás empresas da súa demarcación para a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos, beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Juvenil, ademais de incentivar a posta en marcha de novas actividades empresariais ou profesionais. Estas axudas forman parte da convocatoria de fomento do emprego do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), cofinanciado pola Cámara de Comercio e o Fondo Social Europeo.

Para reducir a taxa de desemprego xuvenil na área de Compostela, a Cámara ten como obxecto alcanzar a sinatura de 40 contratos indefinidos ou temporais a tempo completo, dun mínimo de seis meses, cun importe por contratación non superior a 1.500 euros. No caso das axudas a emprendedores, os beneficiarios recibirán unha dotación económica dun máximo de 1.800 euros para poder iniciar o seu proxecto empresarial.

Os mozos e mozas que queiran optar a estas axudas deberán ter superado o proceso de orientación vocacional que inclúe o Plan de Capacitación do PICE, no que actualmente xa participaron ao redor de 80 mozos de entre 16 e 29 anos.

As empresas interesadas e os beneficiarios da liña de axuda ao emprendemento deberán presentar a súa solicitude antes do 30 de decembro de 2016 nas dependencias da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44 baixo). Están excluídas as empresas de traballo temporal, as Administracións Públicas ou calquera organismo e entidade vinculadas ou dependentes do sector público.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar