O Parlamento pon en marcha a web da transparencia

Parlamento de Galicia_pleno 2

O Parlamento de Galicia puxo en funcionamento o seu Portal de Transparencia no que agrupa toda a información derivada da normativa estatal e autonómica nesta materia. O portal púxose en servizo logo da entrada en vigor da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Os contidos deste Portal de Transparencia están agrupados en tres grandes áreas temáticas: Información institucional, organizativa e de planificación; información de relevancia xurídica, e datos económicos, orzamentarios e estatísticos, cun elevado grao de minuciosidade. Neste último apartado poden consultarse, por exemplo, a composición das mesas de contratación, estatísticas sobre cada un dos procedementos de adxudicación, as asignacións orzamentarias aos grupos parlamentarios, retribucións, un inventario de bens e dereitos, a relación de automóbiles e mesmo un rexistro de agasallos.

ACCESIBLE

Trátase, segundo apunta o presidente do Parlamento na presentación deste portal, dun extenso elenco de datos, información de dominio público que na maior parte dos casos xa estaba publicada, pero dun xeito disperso. Agora, a información ofrécese de xeito sistematizado, o que facilita un acceso máis doado ás persoas interesadas.

“A política e as institucións debemos facer da transparencia un dos eixes do noso traballo cotián, utilizando as oportunidades das TIC. E para o Parlamento de Galicia, a transparencia non só é unha obriga, senón un dos seus sinais de identidade”, apunta Miguel Ángel Santalices Vieira.

Ademais da información publicada, o Portal de Transparencia tamén inclúe un modelo de solicitude para que os cidadáns interesados podan exercer o seu dereito de acceso á información pública ante o Parlamento de Galicia.

O enlace é o seguinte: http://www.parlamento.gal/sitios/web/Transparencia/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar