«Tricicle» presenta en Pontevedra e Vigo o seu novo espectáculo «Bits»

Tricicle_Bits
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) continúa coa súa oferta de teatro en Vigo e Pontevedra para a que presenta, nesta ocasión, o trío de cómicos cataláns Tricicle, que chegan a Galicia co seu novo espectáculo Bits. Debido á gran demanda de público, para a cidade de Pontevedra, na que inicialmente só actuarían o vindeiro mércores 16, ampliouse outra función para o martes 15. Nos dous casos terán lugar ás 20.30 h no Auditorio Sede Afundación. En Vigo recalarán no Teatro Afundación o venres 18 ás 20.30 h e o sábado 19 en dous pases, un ás 18.00 h e o último ás 20.30 h. Este espectáculo forma parte da Tempada de abonos de teatro 2015-2016, que ofrece un 20% de desconto no prezo das entradas e un 10 % para persoas desempregadas, xubiladas e novas. As entradas están á venda en www.ataquilla.com.

Bits, a oitava obra desta compañía de teatro xestual, preséntanos un escenario dixital repleto de bits, as unidades mínimas de información, que transmiten gags, as unidades mínimas de humor, á velocidade da luz. Así, coa escusa da escena dixital, durante o espectáculo os cómicos permítense cambiar de sketch, de personaxe e de decorado cando o ven máis oportuno, creando desta maneira un show dinámico e sobre todo moi divertido. «Internet é simplemente un nexo entre sketches. Non quixemos facer unha teoría sobre internet, sobre a comunicación, xa que ese sería outro espectáculo, e en Bits ao final somos nós: Tricicle pode ofrecer algo novo ata certo punto, pero non podemos deixar de lado o noso selo», destacan os compoñentes.

COMPAÑÍA TEATRAL

É unha compañía de teatro xestual, na que o humor é a base fundamental de todos os seus espectáculos. Compóñena tres actores-fundadores: Joan Gràcia, Carles Sans e Paco Mir. En 1979, creouse en Barcelona como compañía de xesto, representando pequenos sketches en rúas e espazos alternativos. Naquel momento cada un dos tres compoñentes de Tricicle eran alumnos do Institut del Teatre de Barcelona, nas seccións de Pantomima e Arte dramática. Despois de varias tempadas actuando en salas alternativas, en 1982, dan o salto ao circuíto profesional, estreando Manicómic, que foi un soado éxito de crítica e público. Con el obterían un premio no Festival Internacional de Sitges daquel ano. En 1984 estrean EXIT, co que conseguirán os seus primeiros cheos e sairán por primeira vez fóra do seu país, facéndose así un oco no panorama teatral europeo. A consolidación definitiva chegou en 1986 con Slastic, xa que conseguiron, por espazo de varios anos, encher os teatros onde actuaron, tanto de España como de Europa. A este seguiulle Terrrífic e máis tarde Entretrés e Sit. Con Bits, o seu último traballo, estreado no 2012, continúan a xira polos mellores teatros do panorama español, onde seguen a cultivar un grande éxito de público.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar