Nova cultura política

O BNG ven de acordar na súa Asemblea Nacional a “refundación”, con só unha liña roxa a non traspasar, o nacionalismo.

É unha medida valente e arriscada ao mesmo tempo, pois estes procesos sábese como comezan pero non se sabe como rematan. Non hai máis que botar a vista atrás, ao nacionalismo de 1982, para darse conta. Para que teña éxito a aposta, o nacionalismo ten que mudar, sobre todo, a súa cultura política.

Trocar unha cultura política forxada na clandestinidade e nos enfrontamentos da transición. Unha cultura política máis propia da loita sindical, que marca dalgún xeito as dinámicas internas do BNG, que só olla inimigos de clase, na vez de compañeiros, aliados e, aínda, persoas ás que gañar para a causa nacionalista. Unha cultura chea de descualificacións. Unha cultura ríspida, de combate e mitin, de consignas, na vez de diálogo, consenso e posta en común. Unha cultura que se lle pegou a moitos cargos institucionais, que fan política con prepotencia e soberbia, que ollan á militancia como un amolo, as críticas coma un ataque… Que se creen omniscientes e soberanos. Que tratan mellor aos de fora que aos da casa.

Pois o problema non está só no seo do BNG actual, e, aínda menos, na súa nova dirección, senón que todos os que se foron marchando do núcleo nacionalista, desde Méndez Ferrín ao Pepiño de Teis, pasando logo por García Montes, Pedro Luaces e, máis recentemente, Xosé Manuel Beiras ou Carlos Aymerich, por citar algúns dos máis representativos, e a maioría dos que os acompañaron nestas fuxidas, teñen a mesma cultura política. Moitas veces acentuada no negativo.

Non hai máis que ollar como son as súas saídas. Nunca explican axeitadamente as diferenzas políticas, que as hai, senón que recorren a enfrontamentos internos que sempre, os que perden a maioría, os equiparan a dirixismos (como se eles nunca mandasen) e a falta de democracia, insultando aos que quedan.

Así as cousas, a idea do BNG de volver xuntar ao nacionalismo require unha política baseada na empatía, na fraternidade nacionalista e na feminización.

Non lles vai ser fácil. Non é algo que poda realizar en solitario a nova dirección. Ten que ser unha asunción colectiva. É máis doado mudar as liñas políticas que unha cultura que ven de anos e anos. Pero se non o logran, o fracaso está asegurado, non so para este proceso, senón que, periodicamente, asistiremos a novas rupturas e esgazamentos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar