600 mil euros para melloras en 35 centros escolares de Ourense

Baltar_Marisol Mouteira

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia destinarán máis de 600.000 euros para a realización de obras de mellora e acondicionamento en centros educativos de 35 concellos da provincia de Ourense. Así o acordaron hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial.

As actuacións de infraestruturas educativas realizaranse no marco do 2º Plan Educou, correspondente ao ano 2016, e a iniciativa, segundo confirmou o presidente Baltar, «levarase ao pleno da Corporación Provincial do presente mes de marzo para a súa aprobación, co obxectivo de axilizar os trámites e comezar canto antes a execución das obras».

Manuel Baltar considera clave a colaboración institucional que están mantendo ámbalas dúas administracións, provincial e autonómica, «en favor do futuro de Ourense e, sinaladamente, como é o caso, da infancia da nosa provincia, mellorando a calidade das instalacións e dos servizos nos centros educativos».

Na axenda de traballo de hoxe Baltar e Díaz Mouteira trataron tamén outros temas de cooperación interinstitucional referidos aos ámbitos cultural, económico, social e de servizos para a provincia de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar