O alcalde de Ourense preside en Madrid a comisión de modernización da FEMP

Xuntanza FEMP con Jesús Vázquez alcalde Ourense-Madrid

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presidiu en Madrid a Comisión de modernización, participación cidadá e calidade da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Nesta primeira reunión, na que o rexedor estreaba cargo, constituíuse o grupo de traballo, presentáronse os novos membros. A Comisión terá a Jordi Ballart Pastor, alcalde de Terrassa, como vicepresidente, e terá un total de 23 vogais, mandatarios de diferentes concellos da xeografía española.

O alcalde, Jesús Vázquez, aseguraba que este órgano da FEMP está definido para “promover accións para que as entidades locais sexan administracións útiles, necesarias, competitivas, solventes, que dean solucións ás necesidades sociais e favorezan a participación cidadá”. A Comisión busca, igualmente, o apoio e difusión das experiencias dos concellos membros, impulsar o banco de boas prácticas na adaptación das normas de xestión das institucións públicas, desenvolver convenios ou promover actividades de sensibilización e formación nas súas materias propias (modernización, participación cidadá e calidade).

Entre os compromisos deste organismo dependente da FEMP están os da representación institucional e desenvolvemento dos convenios vixentes. No primeiro dos casos, terá un escano na Asemblea da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), cargo que ocupará o alcalde de Ourense en tanto que presidente da Comisión. No apartado dos convenios, corresponderalle ao grupo de traballo liderado polo alcalde de Ourense seguir traballando na avaliación das políticas públicas e a calidade dos servizos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, traballar man a man co Ministerio de Política Territorial para potenciar a redución das cargas administrativas nas entidades locais ou elaborar un manual de xestión de calidade baseado nos principios do bo goberno e que evite riscos de incumprimentos normativos.

Na reunión desta mañá establecéronse, ademais, as datas para vindeiras reunións, que se celebrarán o 10 de maio, o 13 de setembro e o 15 de novembro do presente ano.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar