Un obradoiro de emprego na Coruña deu traballo aos veintedous participantes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na Coruña na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘San Amaro III’, un programa que se levou a cabo en coordinación co Concello coruñés e no que un total de 22 persoas sen emprego recibiron cualificación na especialidade de pintura industrial en construción, ao tempo que accederon a un posto de laboral. Neste caso, os alumnos e alumnas fixeron ao longo dos últimos 6 meses traballos de conservación, planificación e rehabilitación de espazos no cemiterio de San Amaro.

Conde sinalou que este programa, que a Xunta apoiou con preto de 200.000 euros, ampliou as oportunidades laborais dos seus participantes a sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia, xa que lembrou que na especialidade na que se formaron poden optar a oficios, como pintor de estruturas e cascos de buques, vinculados ao sector naval, co que o Goberno galego está volcado para consolidar a súa recuperación.

 

PRIORIDADE PARA A XUNTA

 

“A formación de calidade é unha prioridade para a Xunta”, apuntou o conselleiro, quen avogou pola importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Por iso, avanzou que na nova Axenda de Emprego da Xunta a formación, capacitación e especialización serán eixos prioritarios.

Así mesmo, lembrou que nesta aposta pola formación, os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. De feito, o Goberno galego ten apoiado desde 2009 actividades que permitiron que preto de 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade.

O titular de Economía sinalou, ademais, a importancia da colaboración institucional para a posta en marcha destes programas mixtos de formación e emprego, resaltando que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos seus veciños”.

Por todas estas vantaxes, indicou que a Xunta segue a apoiar os obradoiros aos que destina este ano 14 millóns de euros. A este investimento súmanse outras medidas acordes á recuperación económica, como son as axudas á contratación nas que, segundo apuntou, priorizase o emprego estable e a tempo completo e aos colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto laboral.

Así mesmo, recordou que a Xunta leva investido 35 millóns de euros desde 2009 para formar e orientar a preto de 3.700 persoas sen emprego na Coruña a través de obradoiros e programas integrados de emprego e cursos de formación.

 

CALIDADE E ESTABILIDADE

 

“O principal obxectivo do Goberno galego é facilitar ás persoas sen emprego unha maior inserción laboral garantindo a calidade e estabilidade”, precisou Conde, ao tempo que afirmou que “a aposta polo emprego é o reto principal sobre o que xira toda a política económica da Xunta”. Neste senso, salientou que a meirande parte dos apoios da Consellería están ligados á creación ou mantemento de postos de traballo e, neste senso, recordou que a principios de ano xa se activaron axudas por valor de 50 millóns de euros para mellorar a empregabilidade de máis de 13.000 galegos.

En definitiva, Conde explicou que a Xunta traballa para darlle un novo pulo ao emprego, establecendo e fomentando novas sinerxías coas políticas económicas e de industria. “Polo que traballamos a diario é para que a recuperación económica chegue a todos os fogares a través do emprego e que os traballadores recuperen o seu poder adquisitivo”, rematou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar