Crise interna no goberno municipal de Teo

Teo_Concello_Casa Consistorial

A crise aberta no goberno de Teo, agravada pola publicación esta fin de semana de mensaxes de whatsapp nas que a concelleira Salomé Beiroa confirmou inicialmente o parentesco do afectado pola inspección urbanística da policía local cun concelleiro, sitúa ao alcalde nunha debilitada posición política. Como consecuencia disto, o grupo popular esixe a Rafael Sisto unha explicación pública sobre se mantén a súa confianza na súa primeira teniente de alcalde.

As mensaxes de whatsapp publicadas esta pasada fin de semana pola prensa de Santiago poñen de relevo a tensa relación entre os membros do grupo de goberno e as pugnas internas polo control do poder, representadas por dúas faccións políticas abertamente enfrontadas, que encabezan Rafael Sisto e Salomé Beiroa.

O que ata agora tiñan sido pugnas de poder larvadas, agora emerxen á luz pública con tintes de esperpento político, abrindo unha crise que debilita seriamente o goberno municipal.

A mensaxe enviada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Salomé Beiroa, confirmou inicialmente que o afectado pola inspección dos axentes municipais é curmán dun concelleiro, unha información que ela filtrou ao seu interlocutor no que supón unha clara deslealdade ao alcalde. Por outra banda, con esta revelación queda abertamente en entredito a palabra do alcalde, Rafael Sisto, quen culpabilizou á Policía Local de ter sido quen facilitou dita información e á prensa por non tela contrastado.

O grupo municipal popular considera que os feitos revelados amosan “a gravidade da actuación do goberno bipartito no caso de Texexe e todo parece indicar que estamos somentes ante a punta do iceberg dun entramado de ocultación para evitar que trascendan á opinión publican os intereses que hai detrás deste caso”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar