O BNG volve ao pasado

“Un paso adiante na política vale máis que mil programas”. Así falou Xosé Manuel Beiras o 26 de outubro de 1982, cando remataba a constitución do Bloque Nacionalista Galego.

Supoño que cando Ana Pontón se dirixa aos militantes do BNG o 28 de febreiro, tamén na Coruña, para pórlle ramo á XV Asemblea como voceira nacional, dirá algo semellante.

Foran o 23-F e as súas consecuencias posteriores as que levaron a “reformular a fronte patriótica”, que pasaría logo oficialmente a “refundar o Bloque” e, máis tarde, daría lugar a unha nova organización, o Bloque Nacionalista Galego.

A idea saíra do secretariado político da UPG e comezaría a tomar forma no seu III Congreso.

No convento compostelán de San Francisco, a UPG acordou “fortalecer unha fronte patriótica que teña como liñas básicas o nacionalismo e o anticolonialismo”.

Pero antes de tomar esta decisión, tivera que ser derrotado o relatorio presentado por Manuel García Mel e outros membros do Comité Central da UPG de Lugo, entre os que se atopaba o secretario xeral, Pedro Luaces.

Propugnaban a disolución da fronte, “que fracasou”, e avogaban pola construción dun parti-do “capaz de reagrupar a todas as forzas nacionalistas”. Propos- ta que só obtivo o apoio do 6 por cento da militancia.

Pero o debate segue nas páxinas de A Nosa Terra, onde se publican as súas teses e varias contestacións, nas que lles din aos militantes de Lugo, que rematarían abandonando a UPG e a AN-PG, que “se pensan que os cambios políticos en Galiza, só poden vir a nivel do Estado, que a alternativa xa está clara, métanse no PSOE”, en palabras de Manuel Veiga. Xoán López Facal, dirixente de Unidade Galega, arremetía tamén en ANT contra a idea do frontismo, pois “a nosa sociedade é moi diferenciada”, mentres comezaba o achegamento ao PCG e o PSG acusaba a Unidade Galega (especie de En Marea) “de rexeitar os acordos co Bloque e pactar cos españolistas”.

Pero antes de construír unha nova organización había que “pechar” a AN-PG, nun proceso nada fácil. A nova fronte foi un éxito, tanto que foi recollendo a maio- ría dos nacionalistas, mesmo os que rexeitaban o frontismo, UG, os que viñan da obediencia estatal, Inzar, ou que se declaraban centristas, PNG.

Agora, co devalo electoral do BNG, reaparece o mesmo debate e idénticas propostas: acabar co frontismo, crear un partido, disolución das outras organizacións, coalición coas forzas estatais… Mesmo hai quen confunde “refundar” unha organización con “refundar o nacionalismo”, que xa foi definido polas Irmandades da Fala hai un século. Pero, no fondo, o que están a debater é a preponderancia electoral-institucional ou a de toma de conciencia nacional.

Alfonso Eiré e xornalista e colaborador de El Ideal Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar