Comeza a XXXIII Semana Galega da Filosofía en Pontevedra

Semana Galega da Filosofía

Grandes corporacións supranacionais e tratados transnacionais coma a proposta de libre comercio entre Estados Unidos e Europa (TTIP) serán estudados á luz dos prantexamentos actuais, baixo a mirada multidisciplinar de filósofos, politólogos, economistas e xornalistas entre outros.
Segundo Mercedes Moreno, coordinadora xeral da XXXIII Semana Galega de Filosofía, “os acontecementos dos últimos anos, tanto no noso país, como en Europa, e incluso alén das fronteiras europeas, invitan a revisar os conceptos fundamentais da política dende unha perspectiva independente e multidisciplinar”. Esta tarefa é a que abordará a nova edición de reflexión filosófica na que se revisarán “conceptos proceden do mundo antigo, de Grecia, que cumpriron xa hai tempo os dous mil anos: política, democracia, liberdade, cidadanía”. Tamén serán analizados outros coma “separación de poderes, representatividade, parlamentarismo, ou partidos políticos” que “procedentes do estado burgués pasan dos douscentos anos”.
Na actualidade a “falta de independencia dos estados fronte a outros poderes maiores” (políticos e económicos) xunto coa a escasa participación dos individuos nestas estruturas e decisións, orienta unha reflexión sobre “que é a esquerda e cal é a súa situación actual no exercicio da democracia, o poder e a soberanía”.
Unha semana de reflexión reunirá en Pontevedra a intelectuais de diversas disciplinas que tratarán de dilucidar que queda “destes conceptos e institucións no mundo globalizado das grandes corporacións supranacionais e dos tratados transnacionais”, caso da proposta de libre comercio entre Estados Unidos e Europa (TTIP).
Con esta perspectiva ollaranse os espazos xeopolíticos que se abren trala caída do bloque soviético, poñendo a hexemonía mundial norteamericana en confrontación co bloque eurasiático.
Nesta liña global inscríbense os tres bloques habituais da programación da Semana Galega de Filosofía que presentan este ano:

– Alex Cendón, coordinador da programación da mañá, encargarase da REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA na que “filósofos e filósofas especializados nos eidos ético e político co gallo de coñecer e partillar diversas investigacións de pertinente actualidade que fixan a súa atención en cuestións tais como a vulnerabilidade do ser humano, o debate modernidade-posmodernidade, os movementos sociais e o seu papel na política, a semántica dos conceptos ético-políticos e a crise da esquerda”.

  • Henrique Egea, coordinador da programación das tardes adianta que o bloque A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA se concentra na descomposición socioeconómica e na corrupción xa que logo “numa sociedade em que os politicos acostumam confundir o cargo com a profisão, a instituição com a sua empresa e os orçamentos com o financiamento, cumpre, com urgência, promover a formação de uma cidadania crítica e responsável”. O responsable das tardes presenta “cinco relator@s que deitarám refachos de luz sobre o escuro e desesperançador panorama da nossa nação, Galiza”.
  • Ana Regueira. coordina na programación da noite. A POLÍTICA A DEBATE. Un debate en torno a catro eixos “en primeiro lugar o concepto de soberanía; en segundo lugar o que supón o TTIP e a repercusión que vai ter nos estados e para os cidadáns deses estados nos que se aprobe o acordo; en terceiro lugar que vai suceder con Europa e co mundo occidental no século XXI e que papel vai cumprir nel Eurasia e por último o papel dos medios de comunicación como xeradores de opinión” pola súa influencia na política.
    A XXXIII Semana Galega de Filosofía está organizada pola Aula Castelao de Filosofía coa Universidade de Vigo, conta co patrocinio do Concello de Pontevedra e a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra – Casa das Campás, ademais da colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra e o Parador de Pontevedra.

 

PROGRAMA DAS MAÑÁS

 

A catedrática galega de filosofía política M. X. Agra inaugurará a XXXIII SGF Filosofía e política, na mañá do luns 28 de marzo para falar arredor da vulnerabilidade nas súas articulacións ontolóxicas, éticas e políticas. Así reflexionará sobre a vulnerabilidade compartida, sobre a súa distribución diferencial (sobre as vulnerabilidades, os grupos vulnerables, a precariedade, a fraxilidade), en relación co humano, o inhumano, o posthumano, o transhumano… Para rematar por pensar nas políticas da vulnerabilidade e a xustiza.

O martes seguinte, Concha Roldán, profesora de investigación no Instituto de Filosofía (IFS) do CSIC, presentará un relatorio sobre os conceptos ético-políticos que manexamos na actualidade (como liberdade, xustiza, igualdade, democracia, revolución, utopía, etc.) e que semellan deformados no seu significado moderno como se se referisen a unha situación que xa non é a nosa, caracterizada por unha crise xeneralizada, para seren superados e mudados por outros novos.

O novo profesor, activista social e investigador Arnau Matas manterá o mércores de mañá unha conferencia a modo de repaso histórico das principais achegas e legado dos grandes ciclos de protesta dende metade do século XX até a actualidade. Amais, discutirá algunhas claves interpretativas de certos movementos contemporáneos e o papel político que poden xogar.

Xa o xoves, J. M. Bermudo, catedrático emérito de filosofía política da Universidade de Barcelona, sustentará o seguinte relatorio: Definición de esquerda e análise da situación. Nel parte da constatación da posta en crise da esquerda para tratar de esclarecer as determinacións empíricas, os motivos ideolóxicos e as carencias teóricas que levaron a converter en tópico banal unha percepción triplemente “ilusoria”: a ilusión da “dereita” de invisibilizar o seu inimigo, a ilusión da “post-esquerda” de se saír da historia e a ilusión da “esquerda” buscándose a si mesma fóra de si.

Por último, o doutor Juan García Morán, profesor de filosofía da historia e filosofía política na UNED pechará as mañás cunha reflexión arredor da política emancipatoria despois da posmodernidade. A posmodernidade, coa súa radical posta en cuestión dos fundamentos conceptuais básicos que serviron de eixo reitor ao proxecto emancipatorio da modernidade, acabou por socavar as propias bases epistemolóxicas e normativas sobre as que se fundamentou e lexitimou dito proxecto. Neste sentido, o pensamento posmoderno supón un serio desafío que non pode ser ignorado por calquera estratexia de transformación social e política formulada nos nosos días.

 

PONENTES DAS TARDES

 

Luns 28. O SUXEITO POLÍTICO E A CUESTIÓN NACIONAL. Francisco Sampedro Ojeda ( Filósofo)
Martes 29. CONSECUENCIAS ECONÓMICAS DO ROL DEPENDENTE DE GALIZA NO ESTADO ESPAÑOL NO MARCO DA UE. Aleixo Vilas Castro ( Economísta)
Mércores 30. A desarticulación da Sociedade Galega; Territorio, migración, destrución do sistema productivo e dos mecanismos de cobertura social. Rubén Camilo Lois González ( Xeógrafo)
Xoves 31. “Ocho apellidos de regiones escasamente romanizadas”: Cultura da Transición e conflito colonial interno no Estado español. Helena Miguélez Carballeira. ( Filóloga)
Venres 1. Políticas enerxéticas e ambientais na Galiza: Metabolismo socioeconómico e conflitos sociais. Xoan Doldan García (Economísta)

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar