Vigo aposta pola innovación das industrias do mar cun maratón tecnolóxico

Maraton tecnoloxico en Vigo

O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, David Regades, presentou este martes o Hackathon Sanjurjo Badía, que reunirá o 27 e 28 de febreiro no Mar de Vigo a máis de 80 persoas dos ámbitos da enxeñería, a informática, as telecomunicacións, as ciencias e a empresa. O concurso promove o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos relacionados coas industrias do mar.

No Hackathon Sanjurjo Badía, case un centenar de profesionais e estudantes de diferentes espectros (que abarcan dende as telecomunicacións ata as ciencias do mar) formarán equipos dun máximo de cinco persoas para, nun prazo de 36 horas, desenvolver proxectos que teñan aplicación en calquera dos sectores industriais relacionados co mar

Este martes presentouse a iniciativa en rolda de prensa, coa participación do segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, David Regades, acompañado de Jesus Sayar e Eloy Coto, organizadores deste evento, e de Juan Nartallo e Bruno Lema, representantes de Abanca e Marine Instruments respectivamente, principais patrocinadores destas xornadas lúdicas de investigación.

En palabras de Regades, “estas xornadas cheas de talento, tecnoloxía e innovación encaixan á perfección cun proxecto de cidade, o de Vigo, que está envorcado na tecnoloxía e no desenvolvemento de sistemas que acheguen un valor engadido ao noso sector industrial”. Así mesmo destacou a importancia deste evento para “trasladar ao exterior a potencialidade que ten esta gran cidade”.

Pola súa banda, Eloy Coto quixo salientar, no nome da organización, que este evento pretende recoller o espírito de Sanjurjo Badía, o grande inventor e emprendedor vigués que tanto fixo pola innovación no sector naval. Ademais recoñeceu a colaboración do Concello de Vigo para que estas xornadas sexan posibles.

Por último, David Regades agradeceu a todas as persoas e entidades colaboradoras xa que “a responsabilidade social corporativa das empresas, co apoio das administracións, como neste caso, é fundamental para que o talento deste cidade, que é moito, poida chegar a plasmarse en proxectos reais”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar