Cerdedo e Cotobade anuncian a Feijóo a vontade de fusionarse

O alcalde de Cerdedo, Silvestre José Balseiros, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, trasladaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a vontade de iniciar o proceso de fusión de ambos os dous concellos pontevedreses; unha decisión que Feijóo aplaudiu como exemplo da “boa política” que antepón os intereses xerais dos cidadáns aos persoais.

“Felicito aos veciños de Cotobade e de Cerdedo, parabéns nesta nova fase, nesa gran alianza que permitirá que os veciños conten cun concello máis grande, con máis poboación, con máis ingresos, con máis servizos e con menos gastos burocráticos. O pobo merece ter un concello que quede blindado no mapa municipal de Galicia e de España”, aseverou.

Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que este municipio quedaría blindado pola súa importancia demográfica, pola súa importancia territorial e por ser produto dunha fusión derivada da “boa política e de poñer os intereses dos veciños por riba dos cargos”. “Unha fusión –engadiu- que contribúe a facer unha Galicia máis viable desde o punto de vista administrativo e máis forte e máis segura desde o punto de vista do autogoberno”.

Deste proceso que se vai iniciar de xeito inmediato, o titular da Xunta destacou, en primeiro lugar, as consecuencias demográficas: “en Galicia vai nacer un novo concello de máis de 6.000 veciños e case 250 quilómetros, é dicir, un novo concello de maior peso e maior poboación no mapa de Pontevedra e de Galicia, é dicir, un concello con máis futuro”.

Así mesmo, subliñou tamén todos os efectos económicos, entre os que destacou: os derivados polo mero incremento da poboación, que por si supoñen 1,5 millóns de euros máis de ingresos durante unha lexislatura; o menor custo burocrático, resultado de facer unha única corporación municipal; e os aforros ocasionados pola contratación conxunta de distintos servizos e subministracións.

En terceiro lugar, referiuse aos incentivos que tería a fusión, como consecuencia das modificacións legais adoptadas con ese fin nos últimos anos tanto a nivel estatal como autonómico. Sendo os máis significativos: o incremento do coeficiente de ponderación para calcular a Participación nos Ingresos do Estado; a dispensa de prestación de novos servizos mínimos obrigatorios, ou a preferencia en subvencións ou convenios durante os cinco anos posteriores á fusión.

“E, do mesmo xeito, o novo concello tamén será beneficiario do Fondo especial para fusións creado pola Xunta, e que este ano está dotado con 2,2 millóns de euros”, engadiu.

PAZO DE RAXOI 12,00 h.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reunirase cos alcaldes de Cerdedo, Silvestre José Balseiros, e de Cotobade, Jorge Cubela foto xoán crespo 23/02/16

Galicia, pioneira na racionalización do mapa municipal en España

Feijóo recoñeceu que foi precisamente esa certeza de que a unión de esforzos é un camiño axeitado para os concellos, e especialmente para os máis pequenos, a que hai uns anos motivou ao Goberno galego para marcar o obxectivo de que a cooperación municipal fose unha norma e non unha excepción.

Logo de lembrar que a fusión de dous concellos en Galicia xa non é un feito inédito na historia recente da nosa Autonomía –“Oza-Cesuras terá sempre ese mérito“-; o presidente do Goberno galego aseverou que a gran contribución da fusión de Cotobade-Cerdedo sería a de comezar a consolidar esa aposta pola cooperación, “parcial ou total como neste caso”, e permitir que Galicia siga sendo pioneira na racionalización do mapa municipal en España; “racionalización –incidiu- que na nosa opinión é imprescindible acometer”.

Feijóo concluíu asegurando que a gran alianza definitiva de Cotobade e de Cerdedo non sería posible se os seus alcaldes centrasen o debate nos sillóns e non nas decisións que interesan á xente. “Esa gran alianza non sería posible co regate corto, porque o que esixe é un plantexamento de longo alcance. Servir aos veciños, poñer as institucións a favor dos veciños, esa é a boa política que ten unha base moi sinxela pero moi sólida: antepoñer os intereses xerais da xente aos intereses persoais dos cargos”, rematou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar