Homenaxe ao egrexio emigrante Eliseo Pulpeiro

Consello da Cutlrua_Villares_secretario xeral Emigración
De esquerda a dereita, a filla do editor, Silvia Pulpeiro; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o coautor do libro, Pablo Rodríguez

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, presentaron en Santiago a obra dedicada ao egrexio emigrante Eliseo Pulpeiro, editor da revista Céltiga, unha das máis salientables de entre as publicadas polos galegos da diáspora, e que que xogou un papel crucial no proceso de afirmación e desenvolvemento do galeguismo entre as comunidades galegas de América.

No acto de presentación do libro, que leva por título “Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata)”, estivo presente a filla do editor, Silvia, e o outro autor do volume, Pablo Rodríguez.

Posteriormente, e guiados pola comisaria da exposición, Chus Martínez, visitaron a mostra “Galicia imaxinada”, que compila diversos exemplares das publicacións máis senlleiras das galegas e galegos do Exterior, e que visualiza de xeito gráfico a influencia da emigración na creación dos símbolos de Galicia. A mostra pode visitarse no Pazo de Fonseca.

Na visita púidose comprobar a orixinalidade e intencionalidade na distribución dos vinte paneis que compoñen a exposición. Neles pódense ver exemplares de revistas porteñas como Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega, que permiten acadar unha imaxe completa da cultura visual da época e reconstruír a “Galicia imaxinada” dos emigrantes.

 

ACORDO DE COLABORACIÓN

 

A publicación da obra sobre Pulpeiro, e a mostra que visitaron Miranda e Paz, son dúas das actuacións derivadas do acordo de colaboración subscrito entre a Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, para poñer en valor a pegada histórica e cultural da diáspora en Galicia.

Ademais, e mercé ao devandito acordo, elabórase a primeira fase do plan director para a conservación do patrimonio documental das sociedades de galegos no Exterior, lévase a cabo a dixitalización da documentación relacionada coa emigración depositada en arquivos consulares en Brasil e Cuba, e tamén un estudo a fondo dos fluxos migratorios a e desde Galicia.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar