Homenaxe a Rosalía de Castro, “nai da lingua e da nosa terra”

Homaneaxe a Rosalía con Román Rodríguez e Martiño Noriega

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na tradicional ofrenda floral diante do busto de Rosalía de Castro con motivo do 179 aniversario do nacemento da poetisa. Unha sentida homenaxe, celebrada no Paseo da Alameda compostelá, na que varios alumnos do instituto santiagués que leva o nome da escritora leron algúns dos seus poemas máis senlleiros.

Durante a súa intervención, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou a fonda pegada que Rosalía deixou en todos os ámbitos da sociedade galega, porque “na Galicia de hoxe hai moito de Rosalía”, remarcou. Sen ir máis lonxe –proseguiu– “no feito de que poidamos utilizar o idioma galego como lingua de escola, de cultura, de empresa ou de calquera actividade que queiramos desenvolver”.

Neste sentido, definiuna como “a nai da lingua e a cultura galega” e destacou o seu dobre mérito: “como muller e como muller comprometida coa lingua e cultura de Galicia”, puntualizou.

Coa celebración deste acto central, que se organiza todos os 24 de febreiro –declarado oficialmente como Día de Rosalía de Castro–, a Consellería rende homenaxe á ilustre poetisa galega. A esta cita de conmemoración tamén asistiu o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, entre outras autoridades.

Homaneaxe a Rosalía con Román Rodríguez e Martiño Noriega_2

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar