“Damaluar” de Montserrat Pis Marcos gaña o Premio “Pura e Dora Vázquez” de Narración

Premio Pura e Dora Vazquez

O xurado deu a coñecer o seu ditame en Ourense, destacando que a obra gañadora é “unha historia tenra cunha interesante vertente educativa, na que os personaxes transmiten moitos valores”.

A escritora compostelá Montserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) coa obra “Dos estranos ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas” (presentada baixo o lema “Cando Lady Moon acordou, o ornitorrinco aínda estaba alí”), foi a gañadora do XIII premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra galardoada que se trata “dunha historia extraordinaria, que transmite moita tenrura, e ten unha vertente educativa moi interesante na que os personaxes transmiten importantes valores”. Asemade o xurado puxo de manifesto “a narrativa, coloquial pero con cultismos, e o xénero fantástico, que denota unha autoría literaria avezada”, destacando que a obra “axéitase ben para poder ser ilustrada dentro do espírito do premio”.

ALTA PARTICIPACIÓN

Das 16 obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou “a alta participación e o alto nivel de todas as obras presentadas, polo que resultou moi difícil tomar a decisión, pero por unanimidade se acordou a obra gañadora”.

Agora ábrese o prazo para o Premio de Ilustración e os interesados en participar no “XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración”, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Montserrat Pis Marcos. Nesta modalidade establécese un premio coa mesma contía co de narración de 1.500 euros, e os traballos deberán presentarse antes do día 31 de marzo de 2016.

O xurado da XIII edición do “Premio Pura e Dora Vázquez de Narración” estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

 

A GAÑADORA

 

Montserrat Pis Marcos naceu en Santiago de Compostela no ano 1983, alí se licenciou en Historia da Arte. Entre os premios literarios e distincións que recibiu figuran: finalista do concurso de contos Emiliano Barral (Segovia) por “Las alas de Fatma” (2014); gañadora do terceiro premio do Certame de relato corto Librerías ILCSA e Libro Club (México) por “Las alas de Fatma” (2014); finalista do Certame Ángel Ganivet (Finlandia) por “Golfín” (2014); gañadora do concurso de contos Berta Piñán (Asturias) por “Golfín” (2014), e o ano pasado foi finalista do Certame internacional de relatos cortos “Filando cuentos de mujer” (Asturias) por “La lectora de horas muertas” (2015). Tamén gañou o Certame de novela corta “Ciudad de Tíjola” (Almería) por “La tejedora de palabras” (2015).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar