Mañá será o Día de Rosalía en Santiago e Padrón

Rosalía de CastroMañá mércores celébrase con ducias de actos por todo o país o Día de Rosalía. A Fundación que leva o seu nome celebra a xa tradicional alborada e ofrenda floral a Rosalía na estatua da Alameda en Compostela (ás 11.15h), xunto co Concello de Compostela, a Consellería de Cultura e Educación e coa participación do alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago lendo versos de Rosalía.

Logo, en Padrón ás 12.30h haberá música e flores para Rosalía no Espolón de Padrón, xunto co Concello de Padrón e coa participación das Cantareiras do grupo Rosalía de Castro. Xa á noite, no Auditorio Municipal, haberá un concerto de Xardín Desordenado a partir das 20h.

“Xardín Desordenado” é unha formación musical viguesa cuxo obxectivo é promover a poesía galega. Na actualidade están a preparar o seu segundo traballo con poemas de poetas contemporáneas galegas e outro con cancións baseadas en textos de Rosalía.

 

ACTO EN BRAGA

 

E o xoves 25 de febreiro celebrarase en Braga unha nova xornada de Converxencias Galicia – Portugal, cun acto na Rúa Rosalía de Braga, un coloquio sobre a autora no Centro de Estudos Galegos da Universidade do Miño, no que participa Anxo Angueira, e logo unha actuación musical de Roi Casal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar