Familias Numerosas infórmanse en Santiago das bonificacións fiscais

AGAFAN en concello Santiago

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, reuniuse en Raxoi coa Asociación de Familias Numerosas para aclararlle o cálculo con respecto ás bonificacións fiscais de 2016, que por primeira vez incorpora criterios de renda. Trátase dunha bonificación fiscal aprobada por todos os grupos políticos do Concello de Santiago.

A ordenanza incluída este ano é moi vantaxosa para este colectivo, xa que incorpora por primeiro ano unha bonificación en función da renda e non só atendendo ao valor catastral das vivendas. Ademais e, con respecto a outras cidades como Vigo, o importe para acceder ao máximo legal de bonificación do 90% é case o dobre, situándose nos 14.910 euros brutos anuais con respecto aos 6.155 euros da ordenanza olívica.

As persoas que en Santiago se poderán beneficiar dunha bonificación de entre o 30 e o 75% no Imposto de Bens Inmobles non teñen dereito á mesma noutras cidades galegas.

A concelleira trasladoulle esta información polo miúdo á Asociación de Familias Numerosas para que se acollan a esta bonificación atendendo aos cálculos correctos. Para beneficiarse desta bonificación, deberá presentarse no Rexistro do Concello o título de familia numerosa e o anexo de autorización de acceso a datos fiscais da Axencia Tributaria antes do 1 de marzo.

 

MÁIS BONIFICACIÓNS

As vivendas de protección autonómica terán unha bonificación do 50% no Imposto de Bens Inmobles durante tres anos e agora tamén, ao longo dos 10 seguintes, a bonificación pasa do 25 ao 35%.

Increméntanse as bonificacións aos núcleos rurais ao 30, 60 e 90% segundo carezan de 1, 2 ou ata 3 servizos básicos.

Tamén se aumenta ao 90% a bonificación para inmobles con explotacións exclusivamente gandeiras.

Bonifícase igualmente aos máis respectuosos co medio, a través do aumento das bonificacións aos vehículos ecolóxicos e do incremento ao 90% da bonificación no imposto de construccións a aquelas de aproveitamento solar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar