“Eu respecto”: campaña de sensibilización escolar contra a discriminación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na presentación da iniciativa “Eu respecto”, unha campaña de sensibilización para igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI (lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais).

A presentación tivo lugar no Instituto de Educación Secundaria Antonio Fraguas, en Santiago de Compostela, e contou tamén coa asistencia da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, así como do director xeral de Educación, F.P. e Innovación, Manuel Corredoira López e do director do centro Mario Díaz Pulido.

O Goberno galego pretende, a través desta campaña, concienciar e sensibilizar a toda a sociedade, especialmente aos rapaces e rapazas, en conceptos como a igualdade, a dignidade, a pluralidade, a diferenza e o respecto á diversidade sexual. No marco desta iniciativa, distribuiranse 5.000 carteis nos centros educativos galegos.

Segundo lembrou o vicepresidente da Xunta, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que contou cunha Lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.

Campaña educación escolar Eu respecto_2

O Parlamento galego aprobou , froito do consenso político dos grupos parlamentarios, a Lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. É unha Lei integral na que se inclúen medidas con carácter transversal que abranguen a todos os ámbitos: policial, xudicial, laboral, familiar, da saúde, educación, cultura, do deporte, da comunicación e da xuventude.

Dende a súa entrada en vigor, os distintos departamentos da Xunta de Galicia traballan na súa aplicación nos respectivos ámbitos competencias.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación destacou o importante papel que xoga a escola á hora de educar en valores, tales como o respecto, a tolerancia e a integración da diversidade. Tal e como remarcou, a Consellería puxo en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, ao abeiro da cal se está traballando nun protocolo que permitirá dar unha resposta acaída na garantía do dereito á identidade de xénero.

Así mesmo, Román Rodríguez tamén puntualizou que se poñerá en marcha unha nova materia de libre configuración e estudarase a posibilidade de implantar un novo ciclo formativo relacionado con este ámbito. Ademais, o Goberno galego está a elaborar un Plan de educación en Igualdade, que favorecerá a adquisición de valores e de boas condutas desde a escola, tendo en conta que os nenos e nenas de hoxe son o piar da sociedade de mañá.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar