A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, participou na mañá deste luns na Comisión de Participación, na que se acordou realizar un mínimo de dúas sesións plenarias fóra do pazo de María Pita ao ano. Serán, segundo se decidiu na xuntanza, nun espazo municipal que dispoña do aforo suficiente e boa sonoridade, e que permita desenvolver o pleno con comodidade e realizar a retransmisión por streaming. Tal e como avanzou a responsable municipal, o primeiro destes plenos terá lugar a finais de abril ou principios de maio e servirá para debater sobre o estado da cidade. O formato dese Pleno de Debate definirase na próxima xuntanza da Comisión, que quedou fixada para o vindeiro 14 de marzo.
“O Concello amplía así a súa aposta pola participación, que xa conta con outras canles abertas para permitir aos veciños e veciñas o contacto directo coa Corporación”, salientou ao remate da Comisión Delso, quen fixo referencia á iniciativa de rendición de contas posta en marcha polo Goberno local ‘Dillo Ti’, que volverá celebrarse este sábado (12.00 horas) no centro cívico de Palavea, onde a veciñanza poderá conversar co alcalde e os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno para expoñerlles as súas suxestións e demandas ou formular dúbidas relativas á xestión municipal. Como lembra a concelleira desta área, a esta acción, que se celebra de xeito mensual desde principios de ano, súmanse outras como o ‘Escano Cidadán’, que permite a veciños e veciñas participar nos Plenos e trasladar sen intermediación as súas preocupacións, dúbidas e demandas aos membros da Corporación municipal, ou ‘A Porta Aberta’, o programa que impulsa os procesos participativos, para abrir á cidadanía decisións relevantes da cidade, e que xa ten en marcha dous destes procesos, un relativo á organización da cidade en distritos e un segundo sobre mocidade. A estas canles únese, recorda Delso, o servizo 010, un teléfono gratuíto que ofrece información sobre calquera tema ou cuestión que dependa do Concello, e a través do cal é posible tamén suxerir melloras ou presentar reclamacións.
Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar