Asemblea do BNG

Cando legalizan ao PCE, o Cesed afirma que non hai que terlle medo á súa ideoloxía senón
“á cantidade de militantes e a súa estrutura”.

Poida que ese sexa tamén o problema do BNG. Pero deixará de selo se, como escribiu o xeneral Casiniello daquelas, “se acrecentan as contradicións entre a militancia radical e a clientela electoral moderada”. Esa contradición é unha das que ten que resolver o BNG na súa XV Asemblea que ben marcada por dous feitos determinantes que non o axudan nada: o seu devalo electoral desde hai 20 anos e o éxito recente da fórmula En Marea.

Procurarán respostas acaídas para endereitar o rumbo, pero poida que a verdade organizativa que procuran non se atope tanto nesas respostas como en facer as preguntas axeitadas.

Debullemos algunhas: son os resultados das Mareas un éxito do nacionalismo?; serviron estas alianzas electorais para facer máis forte ao nacionalismo?; están a crear as Mareas conciencia nacional?; puxeron a andar unha política nova que xa non fixera o BNG?; son máis democráticas que o BNG?; realmente as Mareas en si teñen capacidade de decisión real ou delegárona nunha formación estatal coma Podemos?… A outra disxuntiva que discute o BNG é a de concorrer ou non con En Marea ás próximas eleccións autonómicas.

Antes de tomar unha decisión deberían cerciorarse se, de verdade, van querer que o BNG forme parte desta coalición e en que circunstancias. Sábese que cando PD, AN e EU asinaron o pacto en Madrid cara ás eleccións xerais, tamén acordaron ir xuntos ás vindeiras eleccións autonómicas. Así aparece nas declaracións do día de autos. Sábese que asinaron dous documentos que non lle foron dados a coñecer nin aos membros das Mareas nin ás direccións dos tres partidos. Un deses documentos fíxose público hai pouco tempo. O outro, o das eleccións autonómicas, segue no anonimato, aínda que, segundo informacións de quen coñece o pacto, non só está acordada a fórmula, senón o reparto de postos. Por iso se rebela parte de Podemos en Galiza, co seu secretario xeral Breogán Riobóo á cabeza. E non o fan só porque non vaian ter ningunha capacidade de decisión, senón porque os principais cargos xa están repartidos. Iolanda Díaz mentiunos unha vez máis á dirección do PCE, dinme.

Desde o “tridente”, Iglesias-Beiras-Iolanda, puxeron en marcha unha operación para contar cos militantes do BNG, que vai desde o “disólvanse” ao “botar aos da UPG”, a “agora a alianza non vai ser en pé de igualdade”, mais teñen acordado rexeitar ao Bloque. A loita pola unidade é un sinal de identidade do BNG desde a súa fundación, pero non hai que esquecer que a política é o arte do posíbel. Só hai que lembrar as eleccións xerais.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar