Ferrol abre a mostra de Afundación “Memoria gráfica da emigración española”

A sede de Afundación en Ferrol acolle xa e ata o próximo 9 de abril, a exposición «Memoria gráfica da emigración española», producida pola Dirección Xeral de Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e coordinada por José Julio Rodríguez. A mostra está conformada por setenta fotografías, entre as que figuran instantáneas emblemáticas e de gran interese histórico, que reflicten Foto historica Afundacion 2desde os movementos migratorios dos séculos XIX e XX ata a emigración máis recente. A mostra pódese visitar de luns a sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h. Así mesmo, co obxectivo de profundar na importancia dos fenómenos migratorios neste período histórico, a Área Educativa de Afundación deseñou un amplo programa didáctico dirixido a escolares e a asociacións que se presentará a través de visitas guiadas e obradoiros, previa reserva no teléfono 981 330 280 ou por correo electrónico en areaeducativaferrol@afundacion.org.

«Memoria gráfica da emigración española» nace co obxectivo de facer visible a achega dos emigrantes e exiliados españois, tanto nos países de destino coma nos seus territorios de orixe, onde foron un capital humano imprescindible no seu desenvolvemento, tanto desde o punto de vista económico coma social e cultural. A exposición, estruturada en cinco apartados, mostra escenas da vida cotiá, as viaxes, o traballo, a vida asociativa ou os movementos migratorios do século XXI captados por un total de 22 fotógrafos entre os que figuran Manuel Ferrol, Anxo Branco, Alberto Martí, Virxilio Viéitez, Cristina García Rodero, José Manuel Navia ou Xurxo Lobato, entre outros.

O proxecto é o resultado dun profundo traballo de investigación en arquivos fotográficos e documentais, desenvolvido pola Dirección Xeral de Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. A reconstrución desta memoria faise visible nas fotografías dos portos de saída dos barcos; nas escenas de traballo nas fábricas de confección de roupa, de bebidas, de mobles, no ferrocarril, no servizo doméstico e o comercio ou na recollida do café e o cacao; nas escenas da vida cotiá, as vodas, os bautizos, os acontecementos que retrataron os fotógrafos de estudo; ou nas instantáneas que reflicten a vida asociativa que naceu en paralelo a estes fenómenos migratorios: os centros rexionais, círculos, hospitais e sociedades de beneficencia.

A exposición compleméntase cos documentais Sempre en Galicia, producido por TVG e América ou o Shangai, dirixido por Manuel Campo Vidal; publicacións e diversos obxectos do período histórico en que se fixeron as fotografías coma reloxos, maletas, aparellos de radio, cámaras fotográficas e documentos. Ademais, para que o visitante se achegue máis á contorna que rodeou os protagonistas das fotografías, creouse unha lista en Spotify con cancións relacionadas coa experiencia da emigración e a inmigración, que terá un carácter colaborativo e aberto á participación de todas as persoas que así o desexen.

PROPOSTAS EDUCATIVAS

Afundación, en consonancia cos seus eixos de actuación, deseñou un completo programa didáctico co obxectivo de achegar esta mostra ao maior número de público posible, así coma coa finalidade de presentar aos escolares de todos os ciclos educativos a importancia dos fenómenos migratorios na nosa historia recente, coma un exemplo de superación e valentía a través das vidas e os rostros da emigración. Para o alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria elaborouse o programa «No lugar do outro»; para segundo e terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo da ESO, «Viaxe ao centro da emigración»; e para segundo ciclo da ESO, bacharelato e C.F., «Memoria gráfica da emigración».

Máis información en www.afundacion.org

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar