Abre o Centro de Biomedicina e Veterinaria no Campus de Lugo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a posta en marcha do novo Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) que, con preto de 4 millóns de euros convértese no maior investimento da Xunta no Campus de Lugo na última década, permitirá apoiar e poñer en valor a industria agraria, gandeira e forestal de Galicia.

Durante o acto de inauguración das instalacións deste centro, Feijóo garantiu a aposta do Goberno galego pola especialización dos campus universitarios. “Especializar os campus significa ser máis eficientes para os sectores produtivos e, polo tanto, significa que esta especialización reverta na economía de Galicia”, aseverou, ao que engadiu: “Hoxe xa non resulta alleo falar da necesidade de revalorizar a ciencia; de potenciar proxectos tecnolóxicos que teñan maior transcendencia para os sectores produtivos, e de que as universidades teñen que establecer alianzas estratéxicas cos sectores e coas empresas”.

Cun investimento total superior aos 3,6 millóns de euros, aos que hai que sumar os 1,3 millóns de euros que a Xunta destinou para a posta en marcha do Campus Terra, o responsable autonómico precisou que o Cebiovet é unha proba deste compromiso ao construírse co obxectivo de reformar e ampliar os actuais pavillóns de hospitalización e de experimentación cos que conta o campus.

“É un centro de I+D vinculado á USC e ao Hospital Veterinario que complementará a actividade docente e investigadora que desenvolve o Campus de Lugo no eido da saúde animal”, afirmou, ao que engadiu que contribuirá a xerar novos proxectos de investigación e a fortalecer a infraestrutura científica da USC; a cubrir as necesidades docentes da Facultade de Veterinaria e do Campus de Lugo; e prestará apoio aos diferentes grupos do Sistema Universitario Galego, centros hospitalarios de Galicia, organismos públicos ou empresas no campo da biomedicina, a biotecnoloxía e a veterinaria.

Así mesmo, subliñou que actuará tamén como polo de referencia de todo o noroeste peninsular no tocante á investigación en medianos e grandes animais; e servirá para dar apoio á industria farmacéutica mediante a realización de ensaios clínicos con medicamentos en fase de desenvolvemento.

“Estamos a falar, en definitiva, dun investimento que se vai retroalimentar, que vai poñer a disposición da sociedade luguesa, de Galicia e do resto de España todas as capacidades instaladas neste Campus Terra”, incidiu.

Un Campus cunha fonda vinculación cos principais puntais da economía da provincia
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que, desde hoxe, o Cebiovet pasa a ser unha peza clave para dar o impulso definitivo ao Campus Universitario de Lugo que conta coa única Facultade de Veterinaria do noroeste español e cun Hospital Veterinario Universitario xestionado pola Fundación Rof Codina, dotado coas infraestruturas máis avanzadas, “e das mellores de Europa”, para o tratamento médico e cirúrxico de grandes e pequenos animais.

No eido agroalimentario e forestal, Feijóo lembrou que este campus conta coa Escola Politécnica Superior, coa Facultade de Ciencias, co novo Centro de apoio á investigación científica e técnica da USC e cunha Aula de produtos lácteos, integrada no Instituto de Investigación e Análise Alimentarias.

Diante disto, o titular da Xunta destacou a fonda vinculación que este campus universitario ten co sector primario e a industria agraria, gandeira e forestal; “a fonda vinculación, polo tanto, cos principais puntais da economía desta provincia”. E recordou ademais que o Plan de actuación do Campus Terra 2015-2016, que a Xunta e a USC asinaron o pasado mes de outubro, contempla diversas actuacións para converter este campus nun referente internacional en innovación e investigación nos sectores agrarios, veterinario e gandeiro, entre as que destacan: a posta en marcha dun portal web que posicione o campus a nivel internacional ou a creación do centro e-Terra, para ofertar formación non presencial.

Sobre este punto, Feijóo precisou que o Cebiovet encaixa perfectamente cos obxectivos que plantexa o Campus Terra xa que, segundo explicou, axudará a crear un espazo de interacción entre o mundo académico e o tecido empresarial; contribuirá á formación de profesionais nas novas tecnoloxías médico-cirúrxicas; e, do seu labor investigador extraeranse importantes avances para os sectores gandeiro, forestal e agrícola da Comunidade.

O presidente do Goberno galego concluíu lembrando que a inauguración do Cebiovet coincide coa celebración do 20 aniversario da Fundación Rof Codina, que xestiona o Hospital Veterinario Universitario de Lugo. “Dúas décadas nos que esta institución soubo adiantarse ao que actualmente é case unha esixencia para calquera campus universitario: a especialización. Porque da man desta fundación –e, a partir de agora, co traballo conxunto do Cebiovet- o Campus Universitario de Lugo e, concretamente a súa Facultade de Veterinaria, situouse nestes anos ao máis alto nivel científico de Europa no campo da ciencia veterinaria”.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar