Uxía canta a Manuel María o luns en Santiago

Uxía_camtante galega

 

A publicación de “Uxía canta a Manuel María” é, sen dúbida, unha das máis orixinais novidades que a Casa-Museo Manuel María vén de editar nos últimos tempos dentro dun amplo e diverso catálogo de publicacións que ten por obxectivo aproveitar a oportunidade que representa 2016 como ano no que se dedican as Letras Galegas ao autor chairego para que a súa obra se lea e acade a máxima difusión posíbel entre todos os públicos: do infantil ao adulto.

As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e en entradas.abanca.com

Uxía canta a Manuel María é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía, voz excepcional da música galega e sensibilidade feita canción. Publicouse un CD resultado da gravación “ao vivo” do concerto celebrado na Casa-Museo do escritor (Outeiro de Rei) o 6 de outubro de 2015, día no que Manuel María cumpriría 86 anos. Agora poderemos escoitar os temas ao directo no Teatro Principal de Santiago de Compostela este vindeiro luns 22 de febreiro ás 20:30 horas.

O espectáculo é o gozo sinxelo dun canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano. Un home que andou esta terra parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, Uxía arroupa a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón, e o “latexar sincero da emoción” que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para pór en valor o seu valiosísimos e prezado legado.

O traballo musical vai percorrendo os diversos camiños e temáticas poéticas do escritor, desde a amorosa e intimista, á paisaxística e popular, á máis transcendente e metafísica, até a defensa da natureza ou a defensa da lingua.

O traballo presenta 15 cortes entre os que, ademais das novas composicións, se inclúen adaptacións de temas tan emblemáticos como “O Carro”, cantada no seu día por Fuxan os Ventos, e o “Manual do Señorito”, por María Manuela.

Como di a propia Uxía, “Manuel María é o gozo de vivir e eu fixen un pacto con el no disco anterior e que agora manteño, para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños até ser pó, seixo ou silveira”.

A publicación de Uxía canta a Manuel María é, sen dúbida, unha das máis orixinais novidades que a Casa-Museo Manuel María vén de editar nos últimos tempos dentro dun amplo e diverso catálogo de publicacións que ten por obxectivo aproveitar a oportunidade que representa 2016 como ano no que se dedican as Letras Galegas ao autor chairego, para que a súa obra se lea e acade a máxima difusión posible entre todos os públicos: do infantil ao adulto.

As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e en entradas.abanca.com

Aquí un anaco da magnífica colaboración de Xabier Díaz para este disco, no tema O melro: https://www.youtube.com/watch?v=7bVzepXFsmw

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar