“Luar”, da TVG, esta noite con Kiko Rivera e Ángela Carrasco

Luar

O fútbol é o tema sobre o que hoxe xirará o programa “Luar”, que se preguntará se é só unha paixón ou máis ben un negocio. Para falar do tema, o espazo da TVG contará coa presenza de Manuel Mandianes, un dos etnógrafos e antropólogos galegos máis coñecidos, que, no seu último libro, titulado “El fútbol (no) es así”, ofrece interesantes conclusións sobre este fenómeno sociolóxico.

No capítulo musical, o programa recibirá esta noite a visita do coñecido cantante e picadiscos Kiko Rivera, que interpretará o seu último éxito, “Sangre caliente”, un tema vibrante que combina reggaeton e electrolatino e que xa está nas pistas de baile de toda España. Con este tema aspira a subir un chanzo máis na súa carreira musical e copar novamente as listas de éxitos, algo que xa conseguiu con “Así soy yo”.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso, Matilde Vázquez e Rocío Barrio tamén ofrecerá a actuación a cantante dominicana Ángela Carrasco, unha das mellores voces da canción en español e unha das divas de América Latina durante os anos 70 e 80.

“Luar” contará tamén coa presenza no escenario do grupo feminino De Vacas, que ofrece unha versión lúdica de cancións coñecidas en calquera idioma. O proxecto musical de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, en que decidiron incorporar a Guillerme Fernández, deuse a coñecer a través de Internet cunha sorprendente versión do “Gangnam Style” e agora transforman música disco en pezas vocais que cantan en galego.

A orquestra Principal, a Banda Cultural de Salceda, as Cantareiras de Berdillo, a Asociación Cultural Donaire e a formación Os Amigos de Xil completan o cartel musical do “Luar” deste venres, en que arranca a terceira fase de “Recantos”, con 12 concursantes na recta final do concurso.

Ademais, esta noite repite visita ao programa a nena chinesa Ying Zi, que toca a pandeireta e baila ao máis puro estilo tradicional galego e que hoxe se asociará no escenario co pequeno gaiteiro Iago Bouzada, ben coñecido para os espectadores de “Luar” pola súa participación na pasada temporada de “Vai de Gaita”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar