Galicia pechou 2015 á cabeza das comunidades en esforzo investidor

Feijóo destaca que a Xunta aforrou 56 millóns de euros en gastos financeiros e aumentou 282 millóns de euros os gastos de capital, un 25 por cento superiores aos de 2014.

Di que a execución orzamentaria do pasado exercicio presenta unha  O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta pechou 2015 cunha execución orzamentaria do 106 por cento, situándose á cabeza das comunidades autónomas en esforzo investidor. Como destacou o máximo responsable autonómico, a Xunta aforrou 56 millóns de euros en gastos financeiros e aumentou 282 millóns de euros os gastos de capital, un 25 por cento superiores aos de 2014.

Segundo os datos recollidos nun informe que a Consellería de Facenda deu a coñecer na xuntanza do Consello da Xunta, a execución orzamentaria do pasado exercicio presenta un incremento notable dos ingresos, cunha recuperación por primeira vez dos ingresos que proveñen de impostos vinculados á reactivación económica; un esforzo na execución dos fondos europeos; unha maior eficiencia na execución do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI); un aforro no pago de xuros; e un maior gasto investidor.

Como detallou Feijóo, en materia de ingresos, os non financeiros aumentaron un 7,6 por cento en relación a 2014 e os ingresos nos tributos cedidos incrementáronse en case un 7 por cento no último ano. Así, os ingresos por Transmisións Patrimoniais melloraron case un 19 por cento, e por Actos Xurídicos Documentados máis dun 13 por cento (en máis de 10 millóns de euros), supoñendo en total case 40 millóns de euros máis.

Por outra banda, os ingresos que proveñen dos Fondos Europeos medraron un 13,2 por cento e os ingresos do FCI o fixeron nun 143 por cento, ao conseguir executar o dobre do orzamentado e, así, duplicar o importe executado en 2014.

En materia de gastos, os non financeiros executáronse nun 106 por cento sobre o orzamentado, é dicir, un 4,5 por cento máis que o ano anterior, priorizando os gastos de contido social.

A execución orzamentaria por capítulos

Así mesmo, o titular do Goberno galego detallou os datos da execución orzamentaria de 2015 por capítulos. Deste xeito, indicou que, no que atinxe ao capítulo I, destináronse case 100 millóns de euros para pagar a metade da paga extra aprazada polo Goberno central en 2012. E, descontando ese efecto, o incremento foi do 0,5 por cento.

En relación ao capítulo II, o incremento foi do 5,4 por cento, motivado por destinar 77 millóns de euros ao tratamento da hepatite C e de 24 millóns ao aumento do tipo de IVE nas transaccións sanitarias. Sen estes dous apartados, a contención sería do 1,3 por cento.

Logo de indicar que no relativo ao capítulo III, a Xunta reduciu un 15 por cento, en 56 millóns de euros, o pago en xuros, Feijóo sinalou que no capítulo IV caeu un 1,8 por cento e priorizáronse partidas como un reforzo de 4 millóns de euros adicionais para as Universidades, outros 4 millóns para a adquisición de material escolar e 5 millóns para a gratuidade no ensino.

No que atinxe ao capítulo VI, o titular da Xunta detallou que o incremento dos investimentos reais é do 43 por cento, con 224 millóns de euros máis e, por último, no relativo ao capítulo VII, o presidente do Goberno galego sinalou que o aumento é de case o 10 por cento, 58 millóns de euros máis. Por tanto, sumados os capítulos VI e VII, o incremento respecto ao ano 2014 é de 25 puntos e de máis de 280 millóns de euros.

Como sinalou Feijóo, en definitiva, Galicia pechou o orzamento de 2015 con máis ingresos non financeiros, con máis ingresos tributarios pola reactivación económica, con menos gastos en xuros e cumprindo o obxectivo de déficit público, xa que se pechou o exercicio nun 0,67 por cento do PIB, estando o límite fixado para todas as comunidades no 0,7 por cento.

Así, a pesar de poder incorrer en menos déficit que no ano anterior, e cumprindo o marco aprobado no Consello de Política Fiscal e Financeira, en 2015 o Goberno galego puido mellorar a execución do noso orzamento inicial; priorizar os capítulos dedicados a gasto social; devolver a metade da paga extra aprazada en 2012 polo Goberno central; atender o gasto provocado pola Hepatite C; e estar á cabeza das comunidades autónomas en esforzo investidor.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar