Créase o Censo de Vivendas Baleiras propiedade de entidades de crédito

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu conta hoxe da aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto polo que se crea e regula o Censo de Vivendas Baleiras de Galicia, no que obrigatoriamente deberán estar inscritos aqueles inmobles propiedade de entidades de crédito ou Pisos_edificiosimilares sempre que se atopen en concellos de máis de 10.000 habitantes.

Na rolda de prensa posterior á xuntanza do Consello, Feijóo precisou que as entidades de crédito terán seis meses, desde a entrada en vigor do decreto para inscribir no censo os inmobles que nese momento se atopen desocupados. E subliñou que o incumprimento da obriga de inscrición suporá unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble.

Segundo explicou, no caso das vivendas que se rematen con posterioridade á entrada en vigor do decreto, establécese un prazo máximo de oito meses dende a obtención da licenza de primeira ocupación. E o mesmo prazo de oito meses aplicarase tamén para aquelas vivendas que queden desocupadas polo remate dun contrato de alugueiro ou ben debido á súa compra.

O presidente concretou que, ademais, poderán inscribirse de forma voluntaria aquelas vivendas que estean en concellos de menos de 10.000 habitantes e o resto de propietarios de vivendas baleiras.

A finalidade do censo, dixo, é dispoñer de información adecuada sobre o parque de vivendas baleiras de Galicia e poder así realizar unha mellor planificación social da política de vivenda. E, ao mesmo tempo, facilitar a incorporación ao mercado daquelas vivendas baleiras propiedade dos bancos, promovendo así a súa participación nas políticas sociais de vivenda.

Fomentar o uso das vivendas baleiras

Nese sentido, sinalou que o decreto tamén establece as medidas que poderá poñer en marcha a Xunta para fomentar o uso das vivendas baleiras. E, entre elas, mencionou a posibilidade de lograr acordos cos propietarios para que as vivendas atendan a persoas afectadas por desafiuzamentos debido ao impagamento de rendas ou por execucións hipotecarias. Tamén, a de intermediar entre os propietarios e as persoas que demandan unha vivenda para concertar arrendamentos ou mesmo compras. Ou a de incluír as vivendas nos programas de fomento do alugueiro que desenvolvan a Xunta ou os concellos.

Segundo engadiu, promover a participación das entidades financeiras nas políticas sociais de vivenda é un reto no que a Xunta xa leva avanzado a través dos convenios asinados co Sareb e coas entidades financeiras; unha das dez medidas que o Goberno galego ten posto en marcha en materia de vivenda xunto a outras como: o programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias, o programa Reconduce ou o Bono de alugueiro social.

Son todas elas iniciativas que, en palabras do presidente, teñen uns obxectivos claros: garantir o acceso a todos os cidadáns a un teito, axudar aos que máis o precisan e acabar cos desafiuzamentos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar