Xose Constenla inicia a promoción do disco “Virada para Avante”

 O músico compostelán Xosé Constenla prepara a presentación do seu disco Virada por Avante nas cidades de Santiago de Compostela e Ourense. Na capital galega fará unha primeira aproximación a este novo traballo o vindeiro sábado, 20 de febreiro ás 13.00 horas na tenda Miranda – Cultura para levar (Rúa Tras Salomé,1), establecemento no que xa se pode adquirir este disco e no que interpretará algúns dos temas que conforman Virada por Avante .

Xosé Constenla_cartel presentación disco

Esta actuación a modo de showcase é o preludio a sendas preestreas que terán lugar en Santiago na Casa das Crechas o 26 de febreiro e en El Cercano (Ourense) un día máis tarde. Serán dous concertos especiais nos que Constenla estará acompañado polo produtor do disco, Fredi Marugán, ás guitarras, e polo pianista Javier Constenla. Xa cara mediados de marzo está prevista a presentación oficial nun concerto con toda a banda, que terá lugar no Salón Teatro.

Virada por Avante é o cuarto disco do músico compostelán, integrado por once temas con grande influencia de folck rock americano e tamén da corrente iberoamericana de canción de autor. É o álbum máis maduro, persoal e sofisticado de Constenla, que contou coa participación de Fredi Marugán, produtor e arranxista de recoñecido prestixio que como guitarrista ten acompañado a artistas como Serrat, Miguel Ríos, Luz Casal ou Ismael Serrano, entre moitos outros. Tamén colaboraron neste traballo artistas e técnicos tan recoñecidos como Javier Bergia e Óscar Herrador (Stateroom Studios).

TRAXECTORIA

Nado en Santiago de Compostela en 1980, Xosé Constenla viviu unha infancia repartida entre a capital galega, Combarro e A Coruña. Os seus comezos musicais foron a través dunha guitarra que había, un tanto esquecida, na casa.

Foi tras coñecer a obra de cantautores como Silvio Rodríguez ou Luis Eduardo Aute, alá polos comezos dos 90’s, cando empezou a ‘xogar’ coa guitarra de xeito autodidacta. Tamén acudiu durante un periodo curto de tempo a unhas clases, que lle axudaron nos seus comezos.

Con 16 anos sacou as primeiras composicións e, tras varias actuacións no seu Instituto, foi no ano 1997 cando saiu do recinto escolar para a súa estrea coma músico nun establecemento da cidade compostelá. A taberna As Rodas (local agora chamado Fraguel Rock) foi o punto de partida dunha traxectoria musical enfocada ao público, que foi evolucionando cos anos.

Co inicio da súa etapa universitaria, Xosé Constenla afrontou un novo periodo de influencias musicais, frecuentando locales coma o Tramoia, Casa das Crechas, Momo, Fonte Sequelo, Dionisos… que aglutinaban boa parte da oferta cultural compostelá por aqueles anos. Noutro local de referencia deste circuito, o Garigolo, ofreceu concertos semanalmente durante un tempo.

Coincidindo coa época universitaria sucedéronse escenarios sociais como as protestas de ‘Non á LOU’, o ‘Nunca Máis’ pola catástrofe do Prestige no 2002 ou o ‘Non á Guerra’, contra a invasión de Irak no ano 2003. A música de Constenla acompañou asembleas, nun período no que se comezou a fraguar o seu primeiro disco, moi marcado polo loita social.

A partir do primeiro traballo, comeza unha proxección estatal e aos concertos en Santiago de Compostela vanse sucedendo outros por Vigo, A Coruña, e outros territorios: Cataluña, Euskadi ou Portugal, onde comparte escenario con artistas locais. Neste período xorde o terceiro disco: Sinecismo. Un álbum cun enfoque máis persoal, que aborda estilos dende o jazz ou o country, ata o blues ou o soul.

Após ese lustro máis enfocado nas tarefas de composición que nos concertos, Xosé Constenla organizou dúas grandes xiras no outono de 2014 e na primavera de 2015, coincidindo xa esta última coa preparación do seu cuarto disco, Virada por Avante.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar