O evento universitario internacional Spin 2016, en setembro no Gaiás

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou que a Cidade da Cultura de Galicia será a sede de Spin 2016, o evento de emprendemento universitario máis importante do mundo iberoamericano, no que participarán un centenar de universidades de España, Portugal e América Latina e no que se distribuirán premios por valor de 100.000 euros.

Spin 2016 reunirá no Gaiás do 29 de setembro ao 1 outubro a 2.000 persoas procedentes de 20 países diferentes, entre estudantes, investigadores, inversores, empresarios e académicos. Neste evento, co que a Cidade da Cultura e o seu Centro de Emprendemento se situarán como un referente no mapa internacional do emprendemento, un total de 150 proxectos empresariais innovadores e startups recibirán apoio directo. Serán tres días de intensa actividade, destinados á cultura emprendedora, coa participación de 200 empresas, 50 speakers e 12 talleres.

A presentación de Spin 2016 tivo lugar esta mañá nun acto no Gaiás no que o conselleiro de Educación estivo acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; os reitores galegos, Juan Viaño Rey (Santiago), Salustiano Mato (Vigo) e Julio Abalde (A Coruña); polo pró-reitor para Inovação e Empreendedorismo da Universidade do Porto, Carlos Brito, polo director de Santander Universidades España, Pedro Alonso Gil, e polo presidente da RedEmprendia, Senén Barro.

Román Rodríguez destacou que Spin 2016 é un “proxecto de goberno”, como reflicte a presenza de dúas consellerías, e celebrou a implicación das tres universidades galegas e da “universidade irmán” de Porto. Ademais, destacou a experiencia e capacidade da RedEmprendia, responsable das dúas edicións anteriores de Spin, en México e Madrid, e o apoio dunha entidade financeira líder, o Banco Santander.

“Os universitarios formados nos campus deben ser a base do modelo produtivo do futuro. Sabemos que este futuro pasa pola competitividade e, polo tanto, pola innovación. Sabemos tamén que emprender e innovar son sinónimos porque emprender é ter a capacidade de xerar ideas, de tomar a iniciativa, de valorar riscos, de xestionar problemas, en definitiva, ter a capacidade de producir emprego e riqueza”, asegurou o conselleiro de Cultura e Educación.

Transferencia de coñecemento

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o evento “converterá a Santiago na capital iberoamericana do emprendemento innovador”, e de aí a colaboración financeira da propia consellería na organización das xornadas. Neste senso, destacou a transferencia de coñecemento entre a universidade e o mercado como unha ponte cara o emprego de calidade, e subliñou a aposta da Xunta por consolidar esa innovación aberta que una a investigadores e empresas, a través de programas como o Innterconecta, o Conecta Pemes ou as Unidades Mixtas de Investigación.

Conde defendeu a necesidade de aproveitar as ideas que xeran as universidades “para poñer a economía galega á vangarda de Europa, fixando o tecido industrial máis innovador e o mellor talento ao noso territorio, xerando emprego moi cualificado”. Puxo como exemplo dese camiño a empresas galegas recoñecidas que naceron das tres universidades, como Nanogap, Imatia ou Torusware.

“Por iso”, resaltou, “é polo que esteamos a volcar a nosa capacidade investidora tras a Estratexia de Especialización Intelixente, que ten a transferencia de coñecemento como bandeira”, e que conseguiu activar 220 millóns en investimentos en 2015 e ten como obxectivo para este ano sumar proxectos innovadores por outros 250 millóns de euros.

Co lema ‘Creando Cultura Empendedora”, Spin ofrecerá un programa con charlas, conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios, coa participación de empresarios de referencia internacional e expertos no mundo dos negocios, no ámbito académico, na ciencia e no mundo da cultura. Todos compartirán as súas experiencias e coñecementos cos 2.000 asistentes que se agardan, nunha contorna na que se favorecerá o networking e o partnering entre participantes. A asistencia será de balde previo rexistro.

Foro de inversores

Para os emprendedores que aínda non teñen dado o salto ao mercado, Spin 2016 ofrecerá o programa ‘Model2Market’ dirixido a fortalecer modelos de negocio nacidos na universidade. Por outra banda, Spin contará co ‘SmartMoney4Stars’, foro de inversión e oportunidades para acelerar spin-offs e startups universitarias ao que acudirán os principios inversores e foros de capital risco e business angels de América Latina.

As industrias culturais e creativas terán un protagonismo especial na edición de Spin deste ano, como mostra do compromiso da Xunta de Galicia e do resto de organizadores coa chamada “economía laranxa”, que supón un importante fonte de emprego e crecemento en España e América Latina.

Terceira edición

Spin é un evento internacional que continúa a medrar e a consolidarse. Nas dúas edicións anteriores sumou 1.300 asistentes de 16 países, máis de 70 entidades colaboradoras públicas e privadas e repartiu máis de 160.000 euros en premios, sempre dirixidos a impulsar ideas, modelos de negocio e proxectos emprendedores.

O emprendemento é unha das tres liñas de traballo da Cidade da Cultura, xunto á cultura e a tecnoloxía. A través do Centro de Emprendemento, máis de douscentos emprendedores están a impulsar no Gaiás proxectos innovadores no seus espazos de coworking, no viveiro de empresas ou no crowdworking que xestiona xunto a Amtega e Telefónica.

RedEmprendia é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresas baseadas no talento e no coñecemento xerado na universidade. Actualmente está integrada por 28 universidades e conta co Banco Santander como aliado estratéxico. A través de Santander Universidades, o Banco Santander desenvolve proxectos no ámbito universitario, con 1.200 acordos con universidades e institucións académicas de todo o mundo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar