Mochilas reflectantes para mellorar a seguridade dos peregrinos

 

Nava Castro, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presentarán unha nova medida para a seguridade dos peregrinos do Camiño de Santiago.
Nava Castro, o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán,  e o alcalde de O Pino,  Manuel Taboada, presentaron as mochilas reflectantes.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presentaron hoxe no albergue de Santa Irene, en O Pino, unha nova medida para mellorar a seguridade no tránsito dos peregrinos que camiñan cara a Compostela nos tramos de beirarrúas e beiravías.

Trátase dunha acción impulsada pola Comisión de Seguridade Vial do Camiño de Santiago pola que os peregrinos poderán dispoñer de cobre-mochilas reflector para mellorar a súa visibilidade nos tramos do Camiño nos que circulan vehículos a motor.

Segundo explicou Nava Castro, a colocación dos cobre-mochilas “servirá para que os peregrinos se fagan ver”. Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta considerou que se trata dunha das accións máis efectivas no ámbito da seguridade vial.

Traballo conxunto
Na presentación desta medida de seguridade, Nava Castro referiuse ao traballo da Comisión de Seguridade Vial do Camiño de Santiago a cal conforman, ademais de Turismo de Galicia e a Delegación do Goberno en Galicia, a Demarcación de Estradas do Estado, a Garda Civil, a Dirección Xeral de Tráfico, a Consellería de Infraestruturas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultura, as deputacións da Coruña e Lugo e a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés.

Así, a directora de Turismo de Galicia explicou que constitúe “unha comisión multidisciplinar que naceu coa vontade de traballar conxuntamente para lograr unha ampla cooperación entre os axentes implicados e adoptar así medidas que garantan ao máximo a seguridade dos peregrinos”.

Entre as acción levadas a cabo para mellorar o tránsito cara a Santiago, a directora de Turismo de Galicia citou a limitación da velocidade nos puntos de cruzamento do Camiño, “que diariamente transitan 1.000 peregrinos” e a implantación de sinais con luces led de advertencia de perigo polo cruzamento de peóns e peregrinos.

Por outra parte, Nava Castro lembrou que no pasado mes de outubro, a ministra de Fomento, Ana Pastor, presentou as actuacións para a mellora da seguridade vial nos cruzamentos do Camiño de Santiago que abranguen á construción de cinco pasos subterráneos no Pino e que se distribúen nun tramo de seis quilómetros, situados nas interseccións da Ruta Xacobea coa estrada nacional á altura de Salceda, Cerceda, Empalme, Santa Irene, O Burgo e Palas de Rei.

Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia referiuse ao Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago (2015-2021) que, segundo manifestou, “ten a seguridade como un dos asuntos prioritarios e transversais”, ao obxecto de garantir a seguridade dos peregrinos.

“Nesta liña –engadiu- destacan accións como o establecemento dun plan de sinalización homoxéneo, o establecemento de pasos peonís ou outras vías de tránsito ou a formalización dun modelo de intervención para as incidencias de seguridade viaria no Camiño, entre outras”.

Dentro deste Plan, Nava Castro citou tamén a liña estratéxica centrada na especialización e calidade no servizo de atención ao peregrino, na que se establece outra área de acción prioritaria, a referida a garantir un servizo continuado de seguridade e plans de asistencia sanitaria e de emerxencia no Camiño.

Así, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “a través desta liña estanse a poñer en marcha iniciativas como o establecemento dun plan de actuación sanitaria que preste atención aos peregrinos, o reforzo da coordinación entre as distintas policías ou a elaboración dunha guía para situación de emerxencia”.

Por último, a directora de Turismo de Galicia lembrou que o ano pasado máis de 262.000 peregrinos percorreron o Camiño de Santiago e que este ano, xa son 2.130 os que recibiron a Compostela, un 11,46% máis que no mesmo período do ano anterior.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar