TVG: no décimo aniversario do programa, “Álalá” crea unha web

TVG-décimo aniversario programa Alalá_crean páxina web

“Alalá” é un dos programas da Televisión de Galicia que cambiou radicalmente a perspectiva, buscando a naturalidade e a espontaneidade. A aldea pasa a ser o que é, a nai da cultura de Galicia, e o paisano convértese en protagonista, en portador da tradición. O gaiteiro deixa de ser o gaiteiriño, a pandeireteira deixa de ser unha velliña típica que curiosamente canta e ambos soben ao pedestal que merecen. “Alalá” é un caso revelador de interacción da televisión cos seus receptores.

Co gallo do seus 10 anos, a CRTVG pon en marcha unha canle na Internet (http://alala.crtvg.es) onde se poderá ver como se fixo, a súa historia, acceder a todas as súas temporadas, a materiais inéditos e, ademais, conta cunha experiencia de narrativa transmedia nunha selección de 10 capítulos que se trasladará a todos os programas.

Esta canle temática conta con máis de 1.500 cintas cos rexistros en bruto de material gravado, interpretacións e entrevistas, descartes de montaxe, de enorme valor, con moitas persoas, desgraciadamente xa falecidas. Este material irase poñendo a acceso do público a través desta canle.

Ademais, poderase acceder aos contidos por número de capítulo e descrición, pero tamén a través dun mapa das músicas de Galicia, por unha clasificación por instrumentos e tamén se poderá ir accedendo a contidos transversais a cada programa, coma pezas completas, fotos ou notas.

 

COMPROMISO DA CRTVG COA INNOVACIÓN

 

Unha das novidades salientables desta canle é que, a través do mapa de contido aumentado, incorpóranse novas narrativas transmedia que mostran una vez máis o compromiso da CRTVG por apostar polas últimas tendencias en medios audiovisuais, así como o seu compromiso coa innovación.

Os usuarios poderán construír a súa narrativa transmedia dun xeito fluído e sinxelo. Os 10 capítulos seleccionados para esta experiencia permiten visualizar o capítulo de “Alalá” de forma convencional ou saltar a outras narrativas alternativas. Tamén poderán visualizar o contido proposto como contido extra como e cando queiran. Desta forma, o espectador interaccionará cos programas, facilitándolle a construción da súa propia experiencia personalizada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar