Os de Podemos non poden

Pódese ou non se pode? Unha parte de Podemos Galicia, liderada polo seu secretario xeral, Breogán Riobó, quere que as bases da organización, din que máis de 17.000 inscritos, teñan a última palabra á hora de decidir como se van presentar nas próximas eleccións autonómicas: se en solitario, como Podemos, se como Podemos-En Marea, ou se En Marea só. A “xefatura do partido en Madrid” aposta pola fórmula En Marea, e decide que, como máis de 400.000 votantes rubricaron nas últimas eleccións que esta era a alternativa boa, non pensan mudala. Nin discutila. Quen é a dirección galega e os inscritos para discutir coa “xefatura do partido”.

Por iso ordenan que dimita a metade da dirección para así impor a súa liña política con novos dirixentes. Pero ao secretario xeral non o poden cesar.

O normal, en crise semellante, sería que fose a dirección galega a que máis pulase por unha alianza en clave “autonómica” e que Madrid impuxese que prevalecese a marca partidaria. Precisamente foi iso o que Podemos aprobou na súa asemblea fundacional de Vistalegre, aínda que, logo, non lle fixeran ningún caso.

Pero a disputa non trata tanto do xeito de concorrer ás eleccións autonómicas, senón de quen toma a decisión, o que levará consigo quen nomea os compoñentes das listas, os postos e demais cargos afectos.

Nas eleccións xerais, Podemos, EU e Anova asinaron en Madrid un acordo secredo, no que os militantes das tres organizacións non puideron participar nin opinar, e aínda foi ocultado até hai pouco tempo mesmo ás dirección respectivas.

Nese acordo había cargos de Podemos-Galiza, os agora parlamentarios, que blindaban soldos para toda a lexislatura, fose cal fose o resultado.

Se agora deciden as bases galegas de Podemos, fúrtanlle á Iglesias, Beiras e Iolanda que confeccionen as listas e postos ao seu xeito e maneira, e o reparto vai ser distinto.

Así que o que se xoga nesta disputa de Podemos é onde está o poder de decisión. Galiza non é un caso único, pásalles o mesmo en Euskadi e Catalunya, onde tamén colleu a dirección do partido unha xestora.

O problema é que están cuestionando a retórica que defende Podemos do dereito a decidir para as nacionalidades históricas. Realmente defenden o dereito a decidir para Galiza como nación se non lle deixan decidir aos seus militantes galegos? Ou só poden decidir se deciden o correcto, e o correcto quen o marca é Pablo Iglesias?

Pero non pasa nada, Podemos aínda non é un partido. Só é unha marca, cunha cara publicitaria, Pablo Iglesias, e este sabe, que, faga o que faga, o resultado electoral vai ser o mesmo.

Podemos ou non podemos?

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar