Santiago acollerá en maio a I Gala do Libro Galego

Martiño Noriega_libreiros de Santiago_preparación da Gala do Libro Galego

O alcalde e a concelleira e Acción Cultural recibiron no Pazo de Raxoi aos responsables da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Asociación Galega de Editores e da Federación de Librarías de Galicia. Os tres colectivos querían darlle a coñecer a Martiño Noriega e a Branca Novoneyra os detalles da Gala do Libro Galego, que terá lugar en Compostela o 14 de maio. O evento realizarase no Teatro Principal e será de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo.

A Gala do Libro Galego celebrarase por vez primeira, e supón un acordo histórico no sector literario galego. Nela vanse entregar uns únicos premios literarios, que substituirán aos que ata o de agora convocaban pola súa conta as tres organizacións: a Gala das Letras da Asociación de Escritores en Lingua Galega; a Noite da Edición en Galicia, da Asociación Galega de Editores; e os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. En total, vanse conceder 14 premios: obra de ensaio, narrativa, infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, obra traducida, libro de poesía, libro de teatro, iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede, periodismo cultural, escritor galego universal, premio honorífico á libraría e premio honorífico á editora.

Na reunión co alcalde e coa concelleira de Acción Cultural participaron o presidente e a secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas Zas; e a presidenta e o vicepresidente da Federación Galega de Libreiros, Pilar Rodríguez Álvarez e Xosé Antón Pedreira. A Asociación Galega de Editores estivo representada pola presidenta, Laura R. Herrera; o vicepresidente, Xosé Aldea; e a secretaria técnica, Lucía Lago.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar