O can terá a palabra

Din que o can é o mellor amigo do home e seguramente sexa certo en tódolos casos ou na maioría deles. Son amigos e acaban parecéndose, con trazos e xestos semellantes, con comportamentos case iguais e, ata agora, con diferentes formas de vida, aínda que nos mesmos espazos. Os científicos din que os caninos teñen unha zona do seu cerebro especializada no recoñecemento de caras. Por iso, coñecen perfectamente ás persoas coas que conviven e encaríñanse con elas con fidelidade total e duradeira. O descubrimento desta súa condición innata fíxoo un grupo de investigadores da Universidade americana de Emory, no estado de Georgia, encabezado polo neurocientífico Gregory Berns, quen lembra no informe que se trata dunha condición que ata ese momento só estaba documentada nos seres humanos e outros primates.

Aínda así, o olfato é o sentido máis desenvolvido nos cans. Teñen máis do corenta por cento do cerebro dedicado exclusivamente á análise dos olores, permitíndolles recordar animais, persoas, obxectos ou espazos polo seu cheiro. Esta característica, que boa sería para os humanos, fai que os cans especialmente adestrados sexan magníficos contribuidores á boa saúde publica e á detección dalgúns cancros, especialmente, de próstata. Así o indica un estudo do Hospital Universitario de Milton Keyes, que lle permitirá ao Servizo Público de Sanidade do Reino Unido poñer en marcha un proxecto piloto para mellorar a detección tempera do cancro de próstata coa axuda do ulido dos cadelos.

Os datos son contundentes: cans adestrados poden detectar nos ouriños o cancro de próstata nun 93 por cento dos casos. Porcentaxe suficientemente elevado como para considerar ao mellor amigo do home, un bo compañeiro sanitario, analista da certeza e ademais grande contribuidor ao aforro no sistema da se saúde. É posible que teñamos que seguir aprendendo das súas leccións.

De todos é sabido que a prevención e a pronta actuación son remedios inigualables no proceso de curación. Os defensores desta opción de aproveitar o enorme potencial dos cans, entenden que as probas “axudarán a corrixir os erros da análise do Antíxeno Prostático Especifico (PSA)”, que serve para determinar se o paciente necesita ou non unha biopsia. Agora, o can terá a palabra!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar