O Concello de Pontevedra cede unha parcela para un centro de emprego

 Miguel Ángel Fernández Lores_Concello_xuntanza fundacion Juan XXIII de discapacitados

O Concello cederá á Fundación Juan XXIII unha parcela municipal de arredor de 4.000 metros cadrados, en Acorva-San Brais, para construír un centro de formación e promoción do emprego para persoas con discapacidade intelectual.

A directiva da Fundación Discapacidade e Emprego Juan XXIII reuniuse co alcalde, Miguel Fernández Lores, quen anunciou que “comeza o proceso para a cesión do terreo”, cualificado de uso socio comunitario. Urxirase a tramitación da cesión que podería estar rematada nun prazo de catro a seis meses.

A Fundación ten como obxectivo promover a calidade de vida das persoas con discapacidade mediante a promoción do emprego e emprendeu a súa actividade no ano 2008 con 11 traballadores e a día de hoxe conta con 30. Até da agora desenvolven a súa actividade nas instalacións da Asociación Juan XXIII pero o espazo quedou pequeno e interfire na traballo educativo-asistencial e ocupacional da asociación. Os dous ámbitos medran e precisan de recursos e espazos crecentes: máis técnicos, máis maquinaria, máis vehículos….

A actividade formativa e produtiva da Fundación está vencellada aos quioscos e a xardinería -“fomos pioneiros no ano 1997 cun quiosco en Montecelo”, lembra o xerente Diego Chapela- pero hai demanda e interese en implementar a oferta formativa e laboral. No horizonte teñen, ademais do que xa están a facer, formación axustada ás necesidades especiais dos traballadores con discapacide intelectual, e inserción en novos nichos laborais como servizos de empresas, actividades comerciais, limpeza ou mantemento.

Diego Chapela subliña que así teñan a súa disposición o erreo solicitado ao Concello comezarán co plan arquitectónico e construtivo e a procura de axudas, colaboracións e posíbeis subvencións co obxectivo de construír e poder contar canto antes co novo centro e novos recursos materiais e humanos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar