‘Líderes de futuro’, un programa orientado a mocidade

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pon en marcha o programa formativo Líderes de Futuro a través do cal se desenvolverán accións orientadas á mellora de competencias e habilidades da mocidade galega. Unha iniciativa que era presentada polo conselleiro José Manuel Rey Varela.

O titular da carteira autonómica de políticas sociais aseguraba na rolda de prensa ofrecida en San Lázaro que “os mozos e mozas galegos son o noso principal activo xa que representan o futuro da nosa economía, da nosa cultura e da nosa demografía. Por iso é vital realizar programas como o que hoxe presentamos”. Na presentación do programa tamén estivo presente a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, quen explicou que o obxectivo desta acción é “potenciar o liderado da xuventude galega nos ámbitos profesional, social e cultural, así como mellorar as súas habilidades no desempeño de liderar un proxecto que facilite a súa empregabilidade a través do desenvolvemento de habilidades persoais e directivas.”

Líderes de Futuro vai dirixido a un total de 50 mozos e mozas galegos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. As prazas ofertadas repartiranse en tres grupos: 15 prazas para aqueles que emprenderan algunha actividade profesional por conta propia no ano 2015, outras 15 prazas para aqueles rapaces e rapazas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e 20 prazas para aqueles líderes de asociacións xuvenís inscritas no rexistro de entidades xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e membros de grupos informais que participaran en proxectos de Educación non Formal.

Estrutura de Líderes de Futuro

O programa Líderes de Futuro está estruturado en dúas fases que buscan o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores.

A primeira fase abrangue tres etapas. A primeira delas, corresponde ao seminario “Liderar na xuventude. Motivación para o éxito”, dividido en dúas sesións de catro horas. A segunda abrangue tres obradoiros: “Sacar o máximo partido do meu estilo de comunicación”, “A xestión de emocións con intelixencia” e “A organización: sacando o máximo partido dos meus colaboradores e de min mesma/o”. Todos eles de catro horas de duración. O programa tamén prevé unha terceira etapa coa realización de xornadas de outdoor training de práctica de golf, condución de kart ou paintball. Cada alumno/a participará nunha desas tres actividades propostas. Durante o desenvolvemento destas tres etapas, farase unha avaliación sistemática e continua de cada participante e en función dos resultados, 25 deles pasarán á segunda fase do programa baseada na mentorización e coaching personalizado. Mediante esta actividade desenvolverán as habilidades adquiridas ao longo das sesións xa realizadas. Os mentores acompañarán a cada alumno/a na consecución dos seus obxectivos particulares, axudándolles a planificar os seus pasos e completar o camiño de mellora e crecemento profesional. Este proceso facilitará a aprendizaxe dos participantes e promoverá cambios cognitivos, emocionais e de conduta que expandirán a capacidade de acción en función do logro das metas propostas.

Os seminarios, obradoiros e xornadas de outdoor training desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo. As sesións de coaching personalizado realizaranse ao longo dos meses de abril e principios de maio.

Inscricións no programa

Os/as interesados/as poderán inscribirse de xeito gratuíto no programa entre o 9 e o 21 de febreiro a través do formulario dispoñible en http://xuventude.xunta.es. Así mesmo, deberán presentar o seu curriculum vitae, unha carta de motivación e a vida laboral no caso daqueles que emprenderan actividade profesional por conta propia no 2015. No caso de pertencer a unha asociación xuvenil, terán que enviar o certificado da asociación que indique que o interesado é un membro activo da mesma e que cargo ocupa e se o/a mozo/a pertence a un grupo informal deberá presentar unha declaración responsable de pertencer ao grupo. Toda esta documentación, necesaria para a inscrición, deberá enviarse a través do enderezo lideresdefuturo@xunta.es. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Compromiso coa xuventude
Líderes de Futuro forma parte das accións encamiñadas a acadar o benestar e desenvolvemento da xuventude galega. Con ese obxectivo no horizonte, Rey Varela lembrou que no ano 2016 “temos aumentado o orzamento da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nun 15% con respecto ao ano pasado, ata acadar os 9,4 millóns de euros dispoñibles para esta área na actualidade”. Este incremento orzamentario repercutirá de xeito directo sobre as entidades locais que realizan proxectos das Oficinas Municipais de Información Xuvenil, así como sobre o programa Iniciativa Xove e sobre as axudas ao fomento do voluntariado entre outras liñas de actuación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar