O Consello Agrario Galego inicia o plan de fortalecemento do sector lácteo

O Consello Agrario Galego comezou os traballos para a posta en marcha do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo, que impulsa a Xunta en colaboración cos axentes da cadea de valor do leite.

Este plan foilles presentado aos integrantes deste órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Galega por parte da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. O seu principal obxectivo é garantir, en primeiro lugar, un seguimento puntual e exhaustivo dos seus grandes indicadores, para adoptar despois diferentes medidas. Estas teñen un enfoque tanto a curto prazo –centradas en solucionar a problemática dos baixos prezos do leite–, como tamén a medio e longo prazo, para sentar as bases dunha estratexia de futuro que faga posible a reorganización e fortalecemento do sistema lácteo.

O primeiro que se vai facer para empezar a aplicar este plan é crear un grupo de traballo dentro do Consello Agrario, que estará integrado por representantes da propia Xunta, industria, distribución, cooperativas e organizacións profesionais agrarias.

ACORDO LÁCTEO

Por outra banda, a conselleira tamén deu conta neste foro da situación na que se atopan os diferentes textos normativos incluídos no Acordo Lácteo. Así, explicou en primeiro lugar que, grazas á presión da Xunta, o pasado 29 de xaneiro publicouse no Boletín Oficial do Estado a homologación do contrato-tipo de subministro de leite cru, unha iniciativa formalizada no seo da Interprofesional Láctea (INLAC) e que supón un paso máis a prol da transparencia e estabilidade do sector.

O Goberno galego propuxo –con éxito– incluír nesta publicación unha modificación da normativa sobre declaracións obrigatorias a efectuar por primeiros compradores, co fin de incorporar o campo REGA (Registro de Explotaciones Ganaderas). Esta inclusión ten diferentes vantaxes relacionadas coa mellora da información e da súa fiabilidade ou co feito de permitir a realización de estudos tamén máis fiables sobre a produción a nivel de provincia ou municipio.

A conselleira tamén se referiu, no mesmo contexto do Acordo Lácteo, á regulación do papel dos primeiros compradores, destacando que o borrador de Decreto xa é público e que ten moita importancia para Galicia, xa que na nosa Comunidade os primeiros compradores recollen arredor do 30% do leite producido. Ángeles Vázquez salientou, desta norma, o feito de que todos os primeiros compradores terán que comunicar á administración os prezos e as cantidades que venden a outros compradores. Ademais, deberán cumprir cun volume mínimo de entregas, o que obrigará á redución do seu número.

A titular de Medio Rural sinalou tamén que a Xunta segue a instar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente –malia que estea en funcións– a que prosiga co desenvolvemento normativo en relación coa inclusión nos envases dun selo ou distintivo que identifique a procedencia do leite e os seus derivados. E, nesta mesma liña, que o Goberno galego agarda a próxima publicación do Real Decreto de cesión de prezos. Esta norma establece a obriga, por parte da industria, de facer públicos os datos sobre prezos de compra e venda do leite e permitirá –lembrou a conselleira– que se coñeza a que prezo compra a industria o leite aos gandeiros e a canto a vende á distribución.


MELLORAS PARA O SECTOR GANDEIRO

 

Por outra banda, Ángeles Vázquez indicou nesta xuntanza do Consello Agrario que o Decreto de modificación das condicións da PAC publicado o pasado mes de decembro de 2015 inclúe importantes melloras para o gandeiro. En especial, dixo a conselleira, polo que atinxe á presentación de documentación acreditativa dos solicitantes das axudas, porque reduce ao mínimo a obriga de presentar o NIF dos propietarios das fincas para tramitalas. Outra mellora está relacionada coas superficies de interese ecolóxico para o chamado “pago verde”, xa que a partires de agora suprímese a obriga de mantelas en barbeito no verán e poderanse sementar no outono declarándoas como cultivo secundario.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar