Seis feridos en tres accidentes nas estradas galegas

 

Tres accidentes, en Culleredo, Vilasantar e Xove; deixaron esta tarde un total de seis persoas feridas de diversa consideración. Ás 17:00 horas, unha colisión frontal na AC-213, entre O Burgo e A Telva, en Culleredo, causou tres feridos que foron evacuados nas ambulancias de Urxencias Médicas ao centro hospitalario de referencia.

Os restos do accidente que quedaron espallados pola vía foron recollidos por un equipo da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) alertado polo persoal do 112 Galicia.

Ademais, os Bombeiros de Arzúa excarceraron a unha persoa e rescataron a outra con dificultades para abandonar o vehículo co que sufriron un accidente na AC-840, entre Curtis e Melide, ao paso polo concello coruñés de Vilasantar.

Segundo relataron as persoas que contactaron co 112 Galicia, os feridos presentaban lesións importantes e preferiron agardar aos servizos de emerxencias antes de movelos. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia, ademais dos bombeiros, se informou aos técnicos de Urxencias Médicas, aos membros do GES de Curtis e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Por último, en Xove, un camión colidiu contra unha casa e resultou ferido o condutor. Todo parecía indicar que o ferido estaba tamén atrapado no interior da cabina, así, acudiron os Bombeiros de Viveiro e os efectivos do GES de Cervo.

Cando chegaron, o home conseguira saír do camión. Iso si, necesitaba asistencia sanitaria e foi evacuado por unha ambulancia de Urxencias Médicas. O accidente se rexistrou no Cruce de Alcoa, na Barxa, vinte minutos antes das cinco da tarde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar