Atrancar a porta

Cando enxerguei ao Comando Corcuera, formado por exdirixentes do PSOE, con Felipe González á cabeza, tentando atrancar a porta desde dentro coas súas canas como apeas, para evitar que o bipartidismo se esnafre e a política española escarreire polos campos da liberdade, case sentín pena. Un que é así de sentimental!

Custodios do Santo Grial da Transición, dos principios e das esencias, esíxenlle aos novos dirixentes respecto e obediencia. Inmobilismo!

Eles, que comezaron defenestrando sen piedade aos seus maiores entre Touluse e Suresnes, para darlle o tiro de graza a súa ideoloxía socialista no XXVIII Congreso. Eles, que se converteron no partido dos EEUU en España, segundo unha “aclaración” da embaixada americana ao ministro Otero Novas. Eles, aos que lle tiveron que facer as listas para as eleccións de 1977 os servizos secretos franquistas porque non tiñan militantes abondo, segundo informes do CNI.

Os do GAL, os da patada na porta, os da Loapa, os da Lei da Defensa da Constitución, os do financiamento ilegal, os de Filesa, os ERE e outras moitas falcatruadas institucionalizadas, tratando de imporlle ao novos políticos a vella política da corrupción e a troca. Os amaños de sempre. E aínda remoín que era lóxico, que todo o seu mundo se lles pode vir abaixo. Que eles, mellor ca ninguén, saben o que foi a Transición. Que a realidade é unha novela negra e o relato unha poesía de amor e cantiga desesperada. Que todo estaba pactado, amarrado e que a famosa Constitución estaba xa redactada. Que o único que fixeron e paraxismar.

Pouco a pouco, vou chegando a conclusión de que o Comando Corcuera, co apoio de outros exministros expedicionarios de UCD e AP-PP que lanzan comunicados como bombas explosivas, como saben moito, saben que teñen moito que ocultar.

E perciben, mellor ca ninguén, que o fin do bipartidismo é o fin da Transición. Acabarase o ser reféns do pasado, dos favores prestados, dos pactos chocando a man en casas de amigos e reservados, como o da alternancia entre Felipe González e Fraga Iribarne xa no 1976…

Por iso non poden permitir a aparición de novos actores políticos que, de dereitas ou de esquerdas, podan gobernar en liberdade, sen gabelas do pasado. Por iso odian tanto a Podemos, por verbalizar o fin da Transición, aínda que mostren ao xeneral ourensán Xulio Rodríguez (que non é da dirección), nas súas roldas de prensa importantes.

Matinando, matinando, a mágoa que sentía pola “federación socialista da COPE” case se foi convertendo en carraxe e, sen darme conta, estou con Pedro Sánchez.

Raxoi agarda na Moncloa a que outros lle fagan o traballo.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar