O salón gastronómico “Xantar” impulsa a atracción turística de Galicia

xantar

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou o Salón Internacional de Turismo gastronómico Xantar 2016, onde salientou o efecto arrastre que a gastronomía galega exerce sobre a imaxe de Galicia, o turismo e a industria agroalimentaria.

Neste sentido, o conselleiro indicou que a de Xantar é a única Feira gastronómica co selo Feira Comercial Internacional. Deste xeito, explicou, o salón contribúe a poñer en valor “a calidade dos nosos profesionais, os beneficios da Dieta Atlántica, as posibilidades culinarias e nutricionais que achegan os produtos galegos agrarios e do mar, e o atractivo turístico de Galicia”.

Un atractivo turístico, proseguiu Conde, co que Galicia aspira a superar este ano os 5 millóns de visitantes, contribuíndo, ao mesmo tempo, ao crecemento económico da comunidade, e impulsando o sector agroalimentario e as súas exportacións. Un sector agroalimentario que, dixo o conselleiro, en Galicia está moi vinculado ao cooperativismo, “reflectindo as enormes posibilidades da economía social no crecemento económico de Galicia, especialmente no rural”; e que conta, así mesmo, co valor engadido das 55 empresas e máis de 350 produtos certificados pola marca Galicia Calidade.

Neste marco, o conselleiro, que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial, Marisol Díaz, destacou que esta edición de Xantar suma participantes de ata 10 países distintos co obxectivo de dar continuidade ás 22.000 visitas acadadas no anterior exercicio.

“Ninguén esquece un lugar no que comeu ben. E en Galicia se come moi ben. Un feito que constatan 13 estrelas Michelín e 37 soles Repsol, 60 establecementos de restauración coa Q de calidade, e 17 anos dun salón gastronómico de referencia internacional”, afondou o conselleiro.

Neste contexto, o titular de Economía, Emprego e Industria salientou o importante papel que Expourense xoga na celebración de Xantar, contribuíndo á dinamización económica da provincia, funcionando como unha ferramenta clave para a cooperación, conseguindo involucrar os diferentes axentes económicos e sociais na súa actividade, e configurándose como un núcleo fundamental para o emprego da comarca.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar