Alerta vermella na costa da Coruña e Lugo

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase a partir das 20.00 horas de mañá, luns, mar combinada do oeste e noroeste de 8 a 9 metros que afectará ao noroeste e oeste da provincia da Coruña e á Mariña lucense. O resto do litoral permanece en nivel laranxa de alerta, por fenómeno meteorolóxico adverso por costeiros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, www.112galicia.org, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar