O novelista Colm Toibin destaca a relevancia da literatura para interpretar o Mundo

 

Premios San Clemente_Colm Toibin_Colm Toibin

 

O novelista irlandés, Colm Toibin, considera que “o mundo é un texto e saber analizalo é esencial para vivir”. Con esta metáfora definíu a relevencia da literatura, no trascurso da rolda de prensa celebrada en Santiago, na que participou xunto a Pedro Feijoo, como gañadores da XXI edición dos Premios San Clemente Rosalía ABANCA, nas categorías de lingua estranxeira e galega. Ao acto informativo, celebrado no IES Rosalía de Castro, asistiron tamén o director do centro, Ubaldo Rueda, o director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet, e unha representación do profesorado dos institutos europeos que esta ano teñen formado parte do xurado.

Colm Tóibin, por El testamento de María; Javier Cercas, por El Impostor  e Pedro Feijoo, por A memoria da choiva, son os escritores gañadores desta XXI edición, que representa, en palabras de Ubaldo Rueda “a consolidación definitiva da internacionalización do certame literario”, como resultado do acordo de colaboración establecido por ABANCA co centro educativo. A entidade canaliza con iniciativas como esta a súa sensibilidade pola educación e pola xuventude, segundo explicou o seu directivo, Miguel Angel Escotet, que felicitou aos escritores gañadores “polo éxito de seducir ao alumnado coas súas obras”.

En opinión do xurado, El testamento de María de Colm Tóibin mereceu o premio en lingua estranxeira “pola súa orixinalidade, ao ser contada a historia relixiosa por unha María atea, e pola incríble capacidade do autor para plasmar tan ben o sentimento dunha nai preocupada polo seu fillo”. Na categoría de lingua castelá valorouse en El Impostor de Javier Cercas “o tema tratado, a facilidade de comprensión e a técnica empregada, ao describir unha realidade cunha técnica que se aproxima ao ensaio filosófico”. A memoria da choiva mereceu o premio na categoría de lingua galega “porque amosa unha realidade coñecida polo alumnado, cunha linguaxe coloquial e próxima a este, á vez que supón un importante labor de aproximación da obra rosaliana á mocidade”.

UNA NOVELA POUCO CONVENCIONAL

Tóibin, lonxe de estar sorprendido porque un xurado formado por alumnado de bacharelato valore unha novela tan poco convencional como El testamento de María, argumentou que se trata “dunha historia poderosa e cando as historias son poderosas, poden viaxar entre países e xeneracións, a literatura non ten fronteiras”. O feito de que o alumnado pase semanas enteras lendo coidadosamente una novela, en opinión do premiado, é unha aprendizaxe e un entrenamento “para ler o mundo dunha forma intelixente, porque ler é un modo de preparar ao alumnado para vivir, se non sabemos ler o mundo, non sabemos vivir”, concluíu.
Pedro Feijóo, pola súa banda, defendeu na rolda de prensa a necesidade dos premios literarios, en contra do que moita xente opina, “con este plus que teñen os San Clemente de estar concedidos por xente nova”. “O futuro da literatura virá, dixo, da man desta xente nova”. O escritor vigués considera que a literatura axuda a salvar prexuízos, “se realmente temos unha cultura forte, como estou convencido que é así, a oferta literaria ten que ser ampla”. “É unha arrogancia, engadíu, pasar por riba dos gustos da xente”, en referencia aos prexuizos xeralizados sobre o que merece a denominación de literatura e o que non.

 

UN CERTÁME DE ALCANCE INTERNACIONAL

 

A singularidade deste premio, creado co obxectivo de fomentar a paixón pola lectura entre o alumnado, é que o xurado está formado por estudantes de bacharelato do propio instituto Rosalía de Castro de Santiago e doutros catro institutos en representación de cada unha das provincias de Galicia, elixidos cada ano por sorteo. Esto é o máis novidoso e chamativo do certame, que trata na súa esencia de dar voz á opinión literaria das xeneracións máis novas, que son as grandes esquecidas dos xurados literarios.

A deste ano é a primeira edición que conta cun xurado internacional, sumándose aos institutos galegos outros catro centros de países da Unión Europea: Reino Unido, Francia, Alemania e Portugal. Amais do Rosalía, son membros do xurado alumnado do instituto Xelmirez I de Santiago, do Lucus Augusti de Lugo, do Pintor Colmeiro de Silleda, do Ferro Couselo de Ourense, do Hockerill College de Londres, do Saint François Xavier de Vannes da Bretaña francesa, do Grimmelshausen de Frankfurt e da Escola Secundaria de Santa Comba Dao.

A participación de ABANCA, como consecuencia do acordo de colaboración co IES Rosalía, dará estabilidade ao certame, contribuindo á súa internacionalización e favorecendo o seu crecemento en España, Europa e América.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar