“Desafío nos fogóns”, na TVG, con novos candidatos a mellor cociñeiro

 

TVG_Desafío nos fogónsO reto está servido hoxe nunha nova entrega do programa da TVG “Desafío nos Fogóns”. Nesta ocasión, o equipo de Xosé Barato viaxará ata Ribeira para atopar os concursantes que mellor preparen as vieiras e tamén que sexan os mellores candidatos para enfrontarse no estudio de gravación ao vixente campión e acadar o mandil laranxa.

Desde a fórmula tradicional de preparar as vieiras ata experimentos sorprendentes con resultados do máis variado son as propostas que achegarán os aspirantes de Ribeira e que poderán ver os espectadores da Televisión de Galicia nunha escolma dos mellores momentos do casting.

Xa no estudio e cos tres concursantes seleccionados, Xosé Barato medirá as súas forzas con Fede Pérez, que, despois de varios programas cada vez se sente máis confiado con Juan Carlos, o seu concursante de Vilagarcía, que leva tres semanas invicto e con moitas gañas de seguir facendo historia. Coma sempre, o esforzo e o bo facer nos fogóns dos concursantes terán que pasar o exame do xurado do programa, integrado por Héctor López e Churra Costa.

Que prato terán que preparar na final os concursantes? Será hoxe a oportunidade de Xosé Barato para facerse con mandil laranxa de Fede Pérez? Os espectadores galegos non poden perder esta edición de “Desafío nos Fogóns”.

 

LARPEIROS

 

Os espectadores da TVG verán esta noite como os “Larpeiros” están todos de acordo para un enredo. Cantando, bailando e tocando as cunchas, queren mandarlle unha indirecta a Benigno Campos para que entenda que hoxe queren vieiras, unha das marabillas máis sabedeiras das rías galegas. Xunto coas zamburiñas e as voandeiras, fan as delicias de moitos amantes do sabor a mar.

Ademais, as vieiras pódense preparar de mil xeitos, desde as máis clásicas como ao forno cun pouquiño de aceite e pan relado ou en empanada, ata outros máis innovadores, como con arroz, con pasta, en espetos ou nos guisos de peixe. Cociñadas do xeito que sexa, as vieiras sempre son un acerto para preparar un xantar de festa que non deixe a ninguén indiferente.

Benigno, que colleu á primeira a indirecta, ten intención de deixar todos os “Larpeiros” contentos, facendo un xantar con vieiras que hai tempo que non se ve nesta casa: guiso de pescada con vieiras. Ademais, pensa facer unha cremiña de allo porro que vai servir de salsa e onde se porán a pescada e as vieiras.
Para coñecer todos os segredos da pesca da vieira nas nosas rías, Adrián irá voando ata Cambados, onde, coas instrucións de Adolfo, terá que traballar como un mariñeiro máis se quere levarlles aos seus compañeiros unhas vieiras á altura da ocasión. De volta na casa, estará agardándoo a torta de marmelo e mazá coa que Merchi e Leni agasallarán o resto dos “Larpeiros”.

 

A REVISTA

 

A semana de Entroido de “A Revista” continúa e hoxe un xeneral da Ulla visitará o estudio en San Marcos. Manuel Fernández, así se chama o convidado, vístese durante estes días co traxe típico para percorrer a cabalo as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes. Outra das figuras do Entroido deste lugar é a do demo, que tamén estará hoxe no programa, encarnado por Santiago Miguélez. Ambos os dous convidados veñen da parroquia de San Cristovo de Reis, en Teo.

A temática de Entroido tamén empapará un dos directos de hoxe, xa que o programa estará na cidade de Ourense no chamado Xoves de Comadres, en que as nenas loitan cos rapaces para arrebatarlles as figuriñas satirizadas delas mesmas.

Pero tampouco faltará a temática social. A actualidade pon hoxe o foco en Vigo, onde un centro de inseminación artificial conseguiu que nacesen os primeiros bebés galegos que están libres do xene do cancro de mama. Este é o terceiro caso en España e o primeiro na nosa comunidade, o que supón un grande avance nesta materia. Os espectadores de “A Revista” coñecerán hoxe máis polo miúdo esta interesante historia.

E, coma cada xoves, o programa contará coa colaboración do especialista en cine da TVG, Moncho Lemos, para comentar as principais estreas das salas galegas.

 

TVG2: ZIGZAG DIARIO

 

A Festa do cine español está próxima. Esta fin de semana, académicos e candidatos daranse cita nos Premios Goya 2016, unha edición na que hai moita presenza galega. O programa ZigZag Diario quentará hoxe motores para os galardóns facendo un repaso polas candidaturas galegas, que este ano acadan dez posibles galardóns.

Entre estes nomeados destacan as categorías técnicas dun dos filmes eb que participou a TVG, “O Descoñecido”. No programa deste xoves prestaranlle especial atención á montaxe desta ópera prima de Dani de la Torre. De feito, contarán co testemuño directo do seu montador, Jorge Coira.

Despois de falar da participación galega actual, o espazo da tvG2 fará un repaso pola memoria histórica da nosa traxectoria por estes 30 anos premios.

Xa no estudio de gravación, “ZigZag Diario” contará coa presenza do director Óscar Cruz, que virá falar dos seus últimos traballos, entre os que destaca a curtametraxe “El Comediante” e a web serie “El Método Sueco”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar