Apoio á automoción: ‘Galicia siga sendo un referente’

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a Xunta respaldará á automoción galega para que implante a fábrica intelixente, apuntalando así a súa competitividade e permitindo que “Galicia siga sendo un referente en 2025” e poda seguir competindo a nivel global por desenvolver novos proxectos. Conde participou nunha sesión de traballo cos axentes do sector para a elaboración do seu III Plan de Competitividade, liderado por Ceaga, e que busca anticipar a visión da industria galega do seu futuro a unha década vista.

A Xunta, resaltou o conselleiro, volverá a aportar a súa visión a este novo plan, como xa fixo nos dous plans anteriores. Precisamente, Conde lembrou que os plans anteriores permitiron os actuais éxitos da automoción galega, “grazas á introdución do manufacturing lean ou á creación da Universidade Corporativa de Ceaga”, entre outros factores como a colaboración a nivel internacional e a implantación das mellores prácticas nas fábricas da comunidade.

Conde sinalou que o futuro da automoción virá marcado por “tendencias moi esixentes ás que temos que adiantarnos”. Neste senso, referiuse a “factores estruturais”, entre os que destacou a necesidade de que as empresas galegas ganen tamaño a través da diversificación e a internacionalización; a aposta polas ideas e o talento; e a innovación colaborativa entre as empresas, os centros tecnolóxicos e os propios clústers.

Ademais, o conselleiro apuntou aos factores tecnolóxicos, entre os que citou a introdución de novos materiais; as melloras de cara á eficiencia medioambiental; a entrada no sector de empresas tecnolóxicas como Google ou Apple; e, por riba de todo, a incorporación das tecnoloxías asociadas á Industria 4.0. “Temos que traballar pola fábrica intelixente que nos permita introducir e facer uso de esas tecnoloxías” a maior escala, como a robotización, a sensorización ou o big data.

Conde defendeu que a fábrica intelixente permitirá reducir os custos e impulsar a personalización de produtos, entre outras vantaxes que fan da Industria 4.0 un “reto colectivo” no que “imos a acompañar ao sector”. Neste senso, máis alá do proxecto que a propia PSA xa está desenvolver para implantar a fábrica intelixente en Balaídos, tamén está colaborando co CTAG nunha unidade mixta de investigación da Xunta. Ademais, o Goberno galego ten aberta a convocatoria do concurso de Ideas Industria 4.0, polo que o sector da automoción xa ten amosado o seu interese e co que se apoiarán con 4 millóns de euros 4 proxectos demostrativos de tecnoloxías da fábrica intelixente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar